A xuntanza enmárcase dentro da rolda de contactos que o consello comarcal de EU Coruña está a desenvolver con movementos sociais e sindicatos para promover unha fronte ampla de esquerdas que demostre que hai alternativa as actuais políticas neoliberais de agresións á maioría social traballadora que tanto dende o Goberno central, como dende a Xunta e o concello estanse a desenvolver.
Durante a xuntanza o coordinador comarcal de EU entregou un dossier cos comunicados de prensa emitidos durante o recente conflicto do mes de decembro, dos traballadores do servizo de limpeza coa empresa Cespa, ao que o secretario xeral do sindicato respondeu que Esquerda Unida foi a única forza política que se tivo a valentía e vontade política de pronunciarse ao respecto, solidarizándose cos traballadores e prestando apoio a folga convocada.
Na reunión evidenciouse o alto grao de coincidencia entre ambas as dúas organizacións e a disposición de ambas para traballar sinérxicamente a prol da maioría social traballadora.
Durante a xuntanza, César Santiso presentou unha proposta encamiñada a que o concello, como responsábel final dos servizos públicos, incluía dúas cláusulas nos pregos de condicións para a contratación de empresas concesionarias de servizos municipais. Unha para que o concello, tanto corporación como a parte social, teña a potestade para intervir nos conflictos laborais e nas mesas de negociación. E outra para obrigar as empresas concesionarias a manter similares dereitos e condicións laborais entre todos os traballadores e traballadoras que desempeñan servizos públicos a cidadanía no concello.
A devandita proposta tivo moi boa acollida por parte do secretario xeral do STL, quen expresou a súa vontade en avanzares cara a súa consecución, con todo indicou que habería que concretar moito a obriga de manter similares dereitos e condicións laborais debido á heteroxeneidade dos servizos desenvolvidos cara a cidadanía e as diferentes condicións laborais de partida dos diferentes colectivo.
O coordinador comarcal de EU expresou que o desexo da súa organización é que a concreción da dita proposta se faga de forma consensuada con sindicatos e traballadores. Santiso afirmou “Nos entendemos a política de maneira participada, por iso aspiramos a defender unha proposta que podan facer súa todas as partes”.
Xa que logo, as dúas organizacións acordaron manter novas xuntanzas para avanzares no desenvolvemento da dita proposta e unha vez finalizada, se así o deciden os afiliados do sindicato, convocar asembleas participativas para dar a coñecer a proposta e incorporar as achegas que fagan os traballadores e traballadoras.