Infraestruturas educativas en Ames

Alternativa Galega de Esquerda insta a Xunta de Galicia a crear un plan dotacional de infraestruturas educativas no concello de Ames e a posta en marcha dunha comisión entre administracións que implique as administracións locais, a deputación e a consellería de Educación e todos os axentes e membros da comunidade educativa de todos os centros educativos para converter en realidade o diálogo e a participación da sociedade na toma de decisións. Os deputados Xabier Ron e Ramón Vázquez destacaron en rolda de prensa as características sociais e demográficas do concello de Ames moi diferentes ás habituais no contexto galego, cun continúo e progresivo crecemento demográfico de poboación convertendo Ames nun dos concellos máis dinámicos e acolledores de toda Galicia. A estrutura de poboación indica que 20.740 persoas están entre os 16 e 64 anos (70,71 por cento), e 5.641(19,23 por cento) na franxa inferior aos 16 anos. Así, estamos falando dun concello que experimentou 395 nacementos no 2011 e 350 no 2012, sendo a idade media de 37,3 anos e rexistrando o índice de avellentamento máis baixo de toda a provincia da Coruña e o índice de dependencia xuvenil máis elevado (25,5). Estes datos demográficos sitúan un escenario de futuro en que compre dar resposta as necesidades educativas e formativas que de forma inevitable se han de presentar.

Os deputados responsables da área de educación no grupo parlamentar mantiveron diversos encontros e visitas con representantes de Ames Novo polos distintos centros educativos do concello para coñecer de primeira man a situación. Unha das primeiras conclusións as que chegaron foi a falla dunha planificación das necesidades educativas, algunhas de urxencia en canto a mantemento das infraestruturas educativas, ou outras relativas ao salto entre os estudos comprendidos na etapa obrigatoria e a posterior onde se requiren investimentos previr non só o abandono educativo e formativo senón garantir perspectivas de futuro para a mocidade do concello de Ames.

Por todo isto, para o grupo parlamentar de AGE, urxe un análise rigorosa e unha planificación detallada que permitan asumir os retos educativos que presenta o Concello de Ames, que posibiliten unha intervención educativa  axustada ás necesidades presentes e futuras da zona e garantan solucións mais aló de intervencións illadas e a contagotas en forma de parches pouco eficientes.

Os deputados de AGE estiveron acompañados na rolda de prensa pola portavoz de Ames Novo, Pilar Candocia, quen destacou “a magnífica colaboración co grupo parlamentario de AGE, froito da cal xurdiu esta importante proposta para Ames” ao que engadiu “Ames Novo continúa coa súa maneira de facer política desde o diálogo coa comunidade educativa, en contacto directo cos problemas e cos responsables dos centros para conformar alternativas factibles que reforcen o ensino público”. Por outra parte a concelleira Susana Mayo resaltou “o carácter integrado da proposta de AGE, que concibe de forma conxunta as necesidades educativas de Ames en clave de futuro, ao tempo que atende as cuestións urxentes e cotiáns para o bo funcionamento dos centros”.

Algunhas das necesidades detectadas por AGE céntranse nas seguintes cuestións:

· Necesidades de persoal docente: Orientador da Escola Infantil de Amesé compartido con CEIP A Barouta. No Agro do Muíño pídese a maiores un docente de PT e unha 3ª coidadora considerando o alumnado con NEE. No IES Bertamiráns destacan que o profesorado está no límite en canto a horario, xa que hai dous profesores menos con respecto ao cupo.  No CEIP A Maía destacan tamén a necesidade de que o segundo profesor de Audición e Linguaxe, hoxe compartido co CEIP A Barouta, teña plena estabilidade no centro. A calidade do servizo público da educación require dunha plantilla de profesorado estable e equilibrada con respecto ás ratios. A este respecto, detallase o recorte en Ames 250 docentes, o que, considerando os 3.033 alumnos e alumnas, achega unha taxa de 12,13 alumnos por docente, superior nun 1,13% á media galega, e por riba de Arteixo (11,80%), Cambre (11,64%), Carballo (10,81%),  Narón (11,66%) e Oleiros (11,92%), Ribeira (11,27%), concellos da provincia da Coruña que comparten unha dinámica de poboación análoga ao Concello de Ames, mais que son máis envellecidos e teñen menos dependencia xuvenil.

· Mantemento, coidado e ampliación das infraestruturas educativas. Problemas de perdas enerxéticas por unha deficiente planificación dos peches e illamentos empregados nas aulas de Educación Infantil do CEIP Agro do Muíño. No CEIP A Maía detéctase tamén un problema de consumo enerxético provocado por un sistema de calefacción que debe cambiarse debido aos elevados niveis de consumo que xera. Nos dous centros educativos piden unhas instalacións deportivas axeitadas, ben cubertas, xa que nos dous centros os días de choiva danse pozas de auga que son un perigo. Os mesmos problemas de choiva danse na escola unitaria de Guimaráns. Do mesmo modo, os centros solicitan a ampliación das infraestruturas educativas, tal como no CEIP A Maíae no IES Bertamiráns, onde usan como aulas absolutamente todo, detraendo dito espazo para outras tarefas educativas igualmente necesarias. Repárese en que  no IES Bertamiráns se contabilizan 6 grupos de 1º ESO e xa se anuncia que haberá enormes dificultades de espazo nos dous vindeiros cursos porque o alumnado non vai caber. Destaca a comunidade educativa deste centro a necesidade de dispoñer dun salón de actos con todas as normas de seguridade e dunha biblioteca. No CEIP A Maía requiren de ampliar as aulas para acoller nenos e nenas de educación infantil, xa que, neste curso 2013-2014, 21 alumnos e alumnas tiveron que ser recolocados noutros lugares. Neste apartado entra tamén a necesidade de contar cos recursos materiais necesarios, sobre todo en material informático, tal como fixeron constar no CEIP A Baroutae no CEIP A Maía.

· Necesidade de novos centros educativos. As proxeccións demográficas e as expectativas de crecemento do Concello de Ames sinalan que é preciso investir e proceder, cando menos, á construción dun novo centro de educación infantil e primaria no núcleo de O Milladoiro.

· Garantías de continuidade e calidade nas escolas unitarias. As escolas unitarias ofrecen unha praxe educativa integrada no contorno rural. Non obstante, antes de que chegue o verán, de forma rumorosa e pouco dialogada, as autoridades sempre anuncian o seu peche, en función de criterios afastados da calidade educativa e da planificación pedagóxica e didáctica. Anuncios que só serven para indignar a comunidade educativa e achegar inquedanza sobre o seu futuro. Familias, alumnos e alumnas e profesorado desexan a estabilidade e a calidade destas auténticas comunidades de aprendizaxe que non poden estar expostas, todos os meses de maio-xuño, á proxección de números e indecisións de xestores educativos.

· Responder aos problemas nutricionais da poboación en idade escolar. A crise está afectando a cada vez máis sectores da poboación. O desemprego aumenta (2.946, datos do 2012, superior en case 300 persoas máis con respecto ao 2011) e as dificultades para chegar a fin de mes fanse cada vez máis visibles e repercuten tamén na dieta alimenticia dos nenos e nenas en idade escolar. Estes problemas ao seren detectados nos centros educativos son solucionados pola profesionalidade e o voluntarismo do persoal docente, mais requiren dunha planificación en materia de investimentos e de redistribución óptima dos recursos. E nesa planificación entre administracións a Xunta debe adquirir, pola súa responsabilidade de garantir a igualdade entre todas as persoas, un rol protagonista.

Diálogo e participación nas políticas educativas. As comunidades educativas dos distintos centros visitados polos deputados de AGE esixen poder participar no deseño das políticas educativas que máis lles afectan. Piden máis diálogo por parte das autoridades e reclaman seren tidas en conta na toma de decisións. Tendo en conta a natureza dos centros implicados, é preciso que se poña en marcha unha comisión entre administracións, que implique a toda a comunidade  educativa, ao concello, á deputación e á xunta, para que a toma de decisións sexa dialogada e compartida e que teña a facultade de deseñar unha planificación, de alcance plurianual, para a dotación das infraestruturas educativas que require o Concello de Ames. A ausencia dunha intervención planificada e cun calendario fixado por parte de todas as administración pode implicar o colapso das institucións educativas do concello e un empeoramento nas condicións de acceso ao dereito á educación do alumnado escolarizado en Ames.

Relacionados