Santiago de Compostela, 23 maio de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dos seus deputados Ramón Vázquez e Xabier Ron, cualifica o denominado Protocolo Xeral de Prevención, Detección e Tratamento do Acoso Escolar e Ciberacoso, enviado onte acompañado dunha circular de instrucións aos centros públicos de ensino non é máis ca “unha medida improvisada da Consellaría da Educación ante as reiteradas denuncias existentes”. AGE vén manifestando a súa preocupación crítica polo aumento de casos e denuncias de acoso e violencia escolar.
Pero a solución ofrecida pola Xunta con este documento (pode consultarse completo nesta ligazón: http://www.edu.xunta.es/web/node/9678) presenta numerosos puntos escuros. O primeiro, explica o parlamentario Ramón Vázquez, refírese á súa elaboración de costas á comunidade educativa. “Non contaron cos observatorios da convivencia escolar, nin co galego, nin cos provinciais nin cos das escolas”, expón, “e tampouco con asociacións e colectivos dedicados ao asunto”. Ademais, os datos sobre os que se alicerzan as medidas de Educación baséanse en informes de ámbito estatal e datados no ano 1999.
“Todas as accións recollidas neste protocolo teñen a ver con cubrir fichas, é burocrático e punitivo, e non propón ningunha intervención”, critica Vázquez, “e despreza o papel dos orientadores dos centro públicos de ensino. Para poñerlle o ramo, fala de ‘medidas reeducadoras’, un concepto superado hai anos en pedagoxía”. Alternativa Galega de Esquerda presentará iniciativas para instar a que o Goberno do señor Núñez Feijóo elabore estudos precisos sobre o acoso e a violencia escolar e a partir dese diagnóstico real realice intervencións efectivas para eliminar o andazo.