Morte de Marcelino Camacho

 

 A Executiva Nacional de Esquerda Unida lamenta profundamente a morte do referente máis importante do movemento obreiro, un home que pola súa forza, capacidade de loita e compromiso converteuse do máis cualificado representante dos traballadores e traballadoras. 

 

 Dende Esquerda Unida compartimos coa maioría da clase traballadora o sentimento e dolor que supón o falecemento dunha persoa que entregou toda a súa vida á loita na defensa dos máis débiles e fronte ó capital e o franquismo. A súa coherencia vital, a súa entereza de ánimo e a súa lucidez serán para sempre unha fonte de inspiración necesaria nos momentos actuais de recesión e ataques desapiadados do capital contra a clase traballadora.

 

 O coordinador federal de Izquierda Unida, Cayo Lara, expresou en nome de todos os militantes e dirixentes “a nosa profunda dor ante a certeza de perder a unha figura crave para o movemento obreiro e para a propia historia deste país ao longo da segunda metade do século XX. Todos, en especial os traballadores e traballadoras, tivemos nel un referente claro e irremprazable, alguén que nunca fallou a ninguén.

 

 Nestes tempos que nos tocou vivir o legado, as leccións dun Marcelino sempre en loita á beira dos seus, dos traballadores, deberían ser un acicate para todos nós, continuadores do seu labor.

 

Aqueles tempos da terrible ditadura franquista sen dúbida foron moito máis duros que estes. Por iso, cando recordamos a súa peripecia vital e loitadora, e rendemos o noso último adeus a compañeiros como Marcelino, a ocasión tamén debe servir para rearmarnos e coller renovadas forzas ante a dura tarefa que temos por diante, marcada polo espolio aos dereitos laborais co que se ameaza aos traballadores.

 

Marcelino foi un home sinxelo ao que apoiaba unha longa traxectoria sen dobreces. Era un gran amante do ser humano, da liberdade, da democracia e do socialismo. Toda a súa vida foi un exemplo para os asalariados, os marxinados, para os de abaixo, un exemplo que non esqueceremos xamais. O obxectivo de toda a súa vida foi loitar por mellorar un mundo que non estaba feito á medida dos débiles.

 

Agora que Marcelino xa descansa para sempre, o noso respecto, a nosa emoción e o recordo da súa constancia na loita non poden nin deben ser flor dun día. Marcelino Camacho debemos ser todos fronte aos conversos do neoliberalismo, ante o fascismo de mans brancas, ante os corruptos de gravata cor pastel e ante a indignidade dos expoliadores. Marcelino debemos ser todos e así sería moito máis fácil dar a batalla contra todas as inxustizas, porque as batallas sempre han de darse. Marcelino ensinounos que hai que enfrontarse a elas con intelixencia, valentía e tamén con posibilismo. Sempre será un mestre do que moitos de nós aprendemos e alguén ao que os traballadores sempre consideramos un dos nosos”.

Relacionados