Esquerda Unida aproveitou o día dos inocentes para presentar a campaña contra a privatización do ciclo completo da auga.
O goberno municipal renunciou finalmente a levar hoxe a Pleno a constitución da nova empresa mixta pero segue adiante co proxecto. Semella unha mala inocentada de fin de ano. Pero non o é.
Centos de monigotes co lema “O Concello privatiza o servizo de augas. Non sexas inocente!” encheron o casco histórico de Lugo ata que “misteriosamente” desapareceron por orde dos que dirixen a institución municipal. Non é a primeira vez que sucede que a propaganda contraria aos seus intereses políticos desaparece na nosa cidade.
A campaña desenvolverase nos vindeiros días e inclúe a recollida de sinaturas de persoas e colectivos opoñéndose á privatización, así como contactos con sindicatos, asociacións veciñais, organizacións e colectivos para explicar a situación e a postura contraria de EU. Ademais, EU editará e distribuirá miles de boletíns explicando a intención do goberno municipal de deixar en mans da empresa privada a xestión de todo o ciclo da auga.
A privatización forma parte do acordo de goberno entre o PSOE e o BNG, que contempla a creación dunha “empresa mixta para o ciclo da auga”. Estes dous partidos din representar a esquerda e privatizan como a dereita, abríndolle paso coas súas políticas. De feito, o Partido Popular opta pola concesión a unha empresa privada, é dicir, outra fórmula de privatización.
Texto díptico
O GOBERNO MUNICIPAL PRIVATIZA O SERVIZO DE AUGAS
PARECE UNHA MALA INOCENTADA DE FIN DE ANO. PERO NON O É
NON SEXAS INOCENTE!
O Goberno municipal está acelerando os trámites para privatizar o servizo de augas no ano 2012. A privatización forma parte do acordo de goberno entre o PSOE e o BNG, que contempla a creación dunha “empresa mixta para o ciclo da auga”. Estes dous partidos que din representar a esquerda privatizan como a dereita, abríndolle paso coas súas políticas. De feito, o Partido Popular opta pola concesión a unha empresa privada, é dicir, outra fórmula de privatización.
¿Qué é unha empresa mixta?
É aquela que non é privada na súa totalidade porque parte do diñeiro que necesita para financiarse provén das arcas municipais. Trátase dunha entidade mercantil suxeita ao Dereito Privado.
¿Que é o “ciclo completo da auga”?
Todas as instalacións (as de captación de auga dos ríos, de tratamento da auga, de elevación e bombeo, de almacenamento, de distribución, os contadores, o saneamento, os tanques de tormentas e a nova depuradora), así como a xestión de abonados e facturación.
En EU temos a firme convicción de que a auga é un ben común, de que o acceso á auga é un dereito humano inalienable, e de que a auga non se pode privatizar nin comercializar. Polo tanto, A xestión da auga debe ser pública e de base comunitaria.
O PSOE e o BNG non aportan un so argumento lóxico para privatizar o ciclo da auga.
1. Descartan a empresa totalmente municipal «porque o sector público ten unha serie de corsés á hora de tomar decisións».
Non é certo.
Desde o ámbito municipal e con cartos públicos puidéronse mellorar o servizo e as infraestruturas, ¿porque se privatiza a súa xestión unha vez feitas as inversións e as melloras que aínda están en marcha?
A modernización das infraestruturas supuxo a inversión pública de millóns de euros para traída, saneamento, etc, incluíndo os 44,5 millóns da nova depuradora (EDAR). Aínda está pendente de execución a terceira fase que costará máis de 10 millóns de euros públicos, é dicir, cartos de todos e todas.
Nada se gaña en termos sociais, laborais e de calidade do servizo cunha privatización.
2. O concelleiro de Medio Ambiente Lino González, do PSOE, di que o goberno local opta pola privatización para “incorporar os criterios profesionais dunha empresa, pero coa participación maioritaria do Concello para asegurarse o control da empresa”. O BNG sostén que garante “o carácter público da empresa”
Non é certo.
O goberno municipal traspasa a xestión da empresa de augas a unha concesionaria privada, que a xestionará con arreglo ao dereito privado e co ollo posto en exclusiva nos beneficios económicos.
O Concello terá o 51% e participará na Xunta Xeral da empresa como un socio máis, pero non a Corporación. Serán uns políticos moi concretos os que cobrarán por pertencer á Xunta Xeral e aos órganos de administración da empresa. Por non falar dos casos de enchufismo na futura plantilla de traballadores.
3. A concelleira de Infraestructuras Paz Abraira, do BNG, sinala que coa privatización “se pretende mellorar o servizo aos lucenses”.
Non é certo.
A privatización do servizo de augas non obedece a razóns de eficiencia. Todo o contrario. A privatización é unha fonte constante de problemas, desde os seus trámites iniciais ata o desenvolvemento da xestión: o primeiro ano subirá o recibo da auga un 22%, prestará peores servizos, haberá conflictos para o cumprimento do contrato e especialmente os laborais, falla de transparencia, etc.).
Coa privatización, a realmente favorecida é a empresa de turno que se beneficia dun negocio sen riscos e con altas tasas de gañancia.
Ademais, dificulta o control municipal e impide a participación cidadá na xestión da auga.
4. Como en todas as privatizacións, cando hai beneficios lévaos a parte privada e cando hai perdas páganse cos cartos de todos e todas. As condicións de creación da empresa garántenlle un negocio si ou si: se a empresa presenta perdas anuais debe cubrilas o Concello; se a empresa presenta beneficios, embolsa os cartos no peto.
5. Ademais, a participación da empresa privada faise a cambio dun canon de moi dudosa legalidade, que en realidade é un préstamo a devolver polo Concello. Por suposto, a empresa renuncia a criterios de carácter social e sustentabilidade pola tentación de facer caixa.
Queremos que sexan as veciñas e veciños os que decidan que modelo de xestión da auga e do saneamento queremos para Lugo.
POR UNHA XESTIÓN SUSTENTABLE, SOCIAL E PARTICIPATIVA DO SERVIZO DE AUGA E SANEAMENTO.
PORQUE A AUGA ÉUN BEN PÚBLICO FUNDAMENTAL, NON UN NEGOCIO.
PORQUE A AUGA É COUSA DE TODAS E TODOS.
PAREMOS A PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO DE AUGAS!