A deriva autoritaria de Juárez

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2013.- A Delegación do Goberno en Galicia atópase nunha grave e preocupante escalada represora. Estes días o seu obxectivo principal parecen ser os cefalopodeiros que protestan contra o decreto unilateralmente redactado pola Consellaría do Mar sen contar co sector. Onte, ás portas de San Caetano en Santiago de Compostela, os autodenominados antidisturbios cargaron contra centos de polbeiros que se manifestaban contra a norma. Hoxe, o delegado do Goberno en Galicia Samuel Juárez comunicou aos afectados a prohibición de se manifestar diante da sede do Goberno galego. “A deriva autoritaria de Juárez resulta realmente alarmante”, considera o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Juan Fajardo, para quen a decisión da Delegación do Goberno “vulnera dereitos fundamentais”. Nesta situación, e con extrema preocupación ante o desenvolvemento da escalada represora do Estado, AGE esixe de novo a dimisión do delegado do Goberno.

 

O grupo parlamentario, a maiores, solicita á Consellaría do Mar que paralice o decreto e reúna ao sector para confeccionalo. Porque a presunta “marcha atrás” que hoxe intentou escenificar non ten credibilidade ao non ser nin sequera posta en coñecemento dos axentes implicados. A deputada de Alternativa Chelo Martínez participou, esta mañá en Bueu, nunha manifestación de cefalopodeiros contra a norma da Xunta do PP.

Relacionados