Queremos lembrar o duro debate suscitado no Pleno, no que diversas entidades de mulleres e feministas reclamaron as bases e a adxudicación da praza de animadora sociocultural da Casa da Muller a o único home que se presentou , amosando unha flagrante da falla de sensibilidade do Goberno Municipal neste eido.
A nosa organización é coñecedora das alegacións presentadas por diversos particulares sobre a convocatoria desta praza. Alegacións que lamentablemente non teñen sido resoltas e contestadas pola concellería, que semella decantarse pola mala praxe do silencio e da política de feitos consumados. Esquerda Unida urxe ao Goberno Municipal a resolver as diferentes alegacións presentadas.
Javier Galán, membro do Grupo Municipal, reclama a partires das eivas detectadas e xa denunciadas por nós no Pleno ( a falla de publicidade no BOP das bases da convocatoria ), que se declare a nulidade de pleno dereito do acto da convocatoria con carácter interino e urxente da praza de animadora sociocultural para a Casa da Muller de Ferrol e dos actos subseguintes.
Esquerda Unida xa manifestou o seu rexeitamento a que para unha praza tan específica e característica como a de animadora sociocultural da Casa da Muller non se tivera en conta o sesgo de xénero. Di moito e mal da falla de compromiso coas políticas públicas de igualdade do Goberno e en particular da Concellería de Persoal, que apostou por non fundamentar as razóns da discriminación positiva nas propias bases da convocatoria, como lle reclamara a responsable de muller no Goberno, María López.
O Grupo Municipal quere afirmar o seu nidio compromiso coas políticas públicas de igualdade, compromiso posto de manifesto con realizacións prácticas no breve tempo no que Sari Alabau ostentou a responsabilidade da concellería de Muller: caso, por exemplo, da creación da Casa da Muller ou o desenvolvemento do programa Ferrol en Feminino. Nós si imos manter o criterio legal de que para a cobertura de postos de traballo vencellados ás políticas de xénero, dende as administracións públicas se aposte pola discriminación positiva.