Ano nefasto para a xustiza

A vicevoceira lamentou durante a comparecencia de Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,  o “ano nefasto” para a administración de xustiza cunha “política busca impedir á cidadanía a tutela xudicial efectiva coa recuperación das tasas do franquismo”.

Insistíu en que “os recortes do PP matan” e boa proba disto é a política de privatización dos servizos de emerxencia que tivo como consecuencia a tráxica morte dunha percebeira de Oia.

Santiago de Compostela, 10 xaneiro de 2013.- A vicevoceira do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Yolanda Díaz, asegura que os sinais de identidade do goberno da Xunta de Galicia pasan por “mentir, recortar, só para os de abaixo non para os de arriba, e privatizar”. “Dende que colleu a tesoura, perdón a responsabilidade, só souberon recortar, aplicar dora os empregados públicos baixo a súa responsabilidade e aos cidadáns que sofren a súa xestión” díxolle ao señor Rueda durante a súa comparecencia esta tarde no Parlamento.

Díaz explicou que en 2013 haberá “máis do mesmo, máis tesoura ou por mellor dicir máis podadora, para recortar no conxunto da vicepresidencia e a consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza e en todos os servizos e programas que son relevantes para o benestar dos cidadáns”.

Recortar por unha banda e falta de transparencia ou ata graves erros de contabilización por outra, son elementos que definen a política orzamentaria da Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza” sinalou a vicevoceira. Un exemplo destas prácticas que se moven entre a falta de transparencia e a falsidade é a forma de computar os gastos de capital, ben sexa de investimento directo ou transferencias de capital. Para 2013 os gastos de capital son formalmente 14,8 millóns de euros unha cifra que equivale ao 7,3 por cento do orzamento total consolidado. Pero este dato é sinxelamente falso, porque se inclúen como gasto de capital partidas moi importantes en termos económicos que en realidade son un gasto corrente.

Yolanda Díaz anunciou durante a súa intervención que o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda denunciará ante o Tribunal do Consello de Contas o que consideran “un subterfuxio e unha burla á xestión ortodoxa do orzamento”. “Esta é unha política de ocultismo inaceptable que na Consellería do sr. Rueda chega a ser máis do 50 por cento do total do capítulo VI, deformando a realidade” engadíu.

A vicevoceira asegurou que “están terminando co autogoberno pola vía dos feitos” e como exemplo sinalou o feito que desde que a dereita volveu a gobernar este país en 2009 os recursos destinados a Cooperación Exterior e Desenvolvemento reducíronse en máis dun 70% “a Xunta practicamente liquida este programa”. “Están no proceso de cargarse a capacidade política do pobo galego para gobernarse co obxectivo de converter a autonomía nun simple proceso de descentralización administrativa” afirmou.

Na súa intervención suliñou o feito de que a reducción chega a todos os lados salvo a dúas partidas que incluso se incrementan como son a Academia Galega da Seguridade Pública e a Secretaría Xeral Técnica, “unha demostración exemplar de cales son as prioridades da dereita e o seu compromiso cos cidadáns”.

“A Via crucis dos recortes deste goberno confesional atinxe a todas as políticas da consellaría para debuxar un proxecto que agocha a progresiva asfixia da administración da xustiza, un proxecto retrógado en materia de políticas a prol da igualdade, un proxecto que se desentende das axudas aos concellos, ou que menoscaba gravemente a xa moi flebe cooperación ao desenvolvemento ou das acción públicas en materia de seguridade ou emerxencias” denunciou Yolanda Díaz.

A vicevoceira referíuse de xeito especial a situación na que se atopan os servizos de emerxencia onde a política de recortes e privatización da Xunta provocou a tráxica morte da percebeira de Oia, Mercedes Veiga Mosteiro. “¿Lembra cómo se escandalizou o Presidente da Xunta cando o noso voceiro dixo que os recortes matan? Pois aí ten unha vítima directa dos seus recortes” apuntou Yolanda Díaz.

En relación a Xustiza, Yolanda Díaz lamentou o “ano nefasto para o servizo público da administración de xustiza xa que a súa política pasa por impedirlle á cidadanía a tutela xudicial efectiva coa recuperación das taxas do franquismo ou con anterioridade a desregulamentación das relacións laborais”. Así, sinalou “vólvese reducir o consignado para as obras vencelladas ao plan de infraestructuras xudiciais; consolídase o recorte nas plantillas; reducen os investimentos adicados as fiscalías e para a implatación das infraestructuras da nova oficina xudicial e fiscal, entre outros moitos recortes”. A vicevoceira do Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda rematou a súa intervención solicitando a posta en marcha “urxente” do expediente electrónico na administración de xustiza e o mapa xudicial, imprescindible para lograr a tan necesaria axilización da Xustiza.

 

Relacionados