Bloqueo tarxeta sanitaria

Hoxe o voceiro do grupo municipal de EU-V, César Santiso, desenvolveu unha rolda de prensa, para informar que a Xunta de Galicia segue a bloquear a tarxeta sanitaria aos máis necesitados, na que participou José Manuel Iglesias, un dos afectados.

Esquerda Unida denuncia que a Xunta de Galicia segue a cercenar os dereitos sanitarios dos desempregados e os máis necesitados.

 

A Orde da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia do 5 de setembro de 2011 pola que se actualiza o procedemento para o recoñecemento do dereito á asistencia sanitaria por parte das persoas sen recursos económicos suficientes e daquelas que se encontran en situación de desemprego, amosa como a Xunta pretende sacar rédito das desincronizacións institucionais provocando carencias no servizo nacional de saúde que na praxe tradúcense na exclusión temporal de determinados colectivos ao acceso a servizos médicos e farmacolóxicos.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes xa denunciara en novembro a devandita situación e incluso presentara unha moción no pleno de decembro que o PP negouse a debater.

 

Logo das ditas denuncias efectuadas tamén por organizacións sindicais e outros partidos políticos, a Xunta de Galicia afirmou publicamente que os devanditos “problemas” xa estaban resoltos e que ninguén se quedaría sen prestación sanitaria. Máis cal sería a nosa sorpresa cando Jose Manuel Iglesias, un desempregado de longa duración de 61 anos cunha enfermidade crónica que leva 10 anos medicándose pola que tivo que deixar o seu traballo fai sete anos e obtivo certo grado de minusvalía, achegouse ata o noso grupo municipal para denunciar que a Xunta bloqueou a súa tarxeta sanitaria e que levaba 17 días sen poder tomar a súa medicación, porque na actualidade non ten ingresos porque rematou de cobrar o RAI fai un mes.

 

No propio Sergas déronlle, tan so, dúas opcións: pasar como beneficiario a tarxeta da súa filla ou  pedir axuda en Cáritas o na Cruz Vermella.

 

Esquerda Unida quere lembrar que o carácter universal e gratuíto da sanidade, polo que a Administración non pode ampararse na burocracia para cortar o servizo, asemade de constituír un dereito, e non é caridade como pretende establecer a Xunta de Galicia.

 

Jose Manuel Iglesias afirmou sentirse moi doído con esta situación, “despues de toda unha vida trabajando, ahora me dan la patada” e chamou a cidadanía para mobilizarse diante destes recortes “no puede ser que ahora nos quiten los derechos adquiridos despues de años de luchas y sacrificios. Muchos sufrieron y algunos se quedaron en el camino, como para perderlo ahora todo”.

 

Jose Manuel afirmou que un familiar adiantoulle os cartos para poder tomar a medicación, porque o estaba pasando moi mal sen poder saír da casa “son muchos años tomando una medicación muy fuerte” e comentou que agora esta na tarxeta sanitaria da súa filla, mais logo dun mes aínda non ten acceso aos medicamentos. Asemade mostrou a súa preocupación “Ahora mi hija también está en paro, ¿que haremos ella y yo cuando termine de cobrar la prestación por desempleo? Quedaremos los dos excluidos del sistema sanitario, esto es para indignarse y cabrearse”.

 

Finalmente, César Santiso, indicou que “semella que a Xunta do PP, mediante triquiñuelas administrativas pretende transmitir a cidadanía a mensaxe que a sanidade perde a categoría de dereito universal”.

Relacionados