Caso Campión

 

Asemade dun deputado do PP, Pablo Cobián, e a imputación doutros altos cargos do actual goberno autonómico e do anterior.

 

Esquerda Unida esixe a a creación dunha Comisión de Investigación parlamentaria sobre o presunto fraude das subvencións na concesión de subvencións públicas, que investiga o xulgado nº3 de Lugo no marco da chamada Operación Campión.

 

O regulamento da Cámara contempla a posibilidade de solicitar a iniciativa se así o solicitan A Xunta, a Mesa do Parlamento, dous grupos parlamentarios ou a quinta parte dos deputados/as. Ademais, non existe ningunha norma que impida a compatibilidade entre a investigación parlamentaria e a investigación xudicial.

 

Para Esquerda Unida – Os Verdes resulta incomprensible que ningún dos partidos con representación no Parlamento galego solicitase a dita comisión de investigación para depurar posibles responsabilidades.

 

Os tres partidos coinciden na relación directa cos principais empresarios imputados na Operación Campión, tal era o caso do tristemente afamado Jorge Dorribo. A existencia dun informe da Axencia Tributaria que sinala a existencia de facturas falsas e a concesión de subvencións millonarias concedidas polo goberno bipartito do PSdeG e BNG, e polo goberno do PP, presuntamente de xeito irregular, require unha actuación clara e conxunta por parte dos tres grupos parlamentarios.

 

A executiva nacional de EU lembra a gravidade dos feitos nos que están imputados políticos do PP, do PSOE e do BNG o que amosa a posible implicación dos tres partidos na trama corrupta, na que tamén están implicados dez altos funcionarios da Xunta de Galicia.

 

Estamos asistindo desde hai meses a un cruce de acusacións mutuas. O Presidente Feijoó sinala que el é un “espectador interesado”. O secretario do PsdeG Pachi Vázquez afirmou que a operación Campión “comezou no despacho de Feijoó”. E Guillerme Vázquez, portavoz do BNG, destaca tamén a responsabilidade do Executivo e sostén a inocencia dos nacionalistas imputados.

O que ningún dos tres partidos pode agacharlle á sociedade galega é a implicación de importantes cargos do PP, PsdeG e BNG na chamada Operación Campión, pero tamén noutras causas abertas polos xulgados de Lugo e relacionadas con dita investigación.

 

En outubro, despois da filtración na prensa escrita das declaracións de Dorribo, os principais imputados dicían que estaban desexando que se abrise o secreto sumarial para demostrar inmediatamente que eran inocentes. O coñecemento público do sumario arroxa máis dúbidas sobre a inocencia da maioría deles. A publicación nos medios de comunicación de transcricións de conversacións telefónicas entre empresarios e políticos implicados na trama de presunta adxudicación ilegal de subvencións están realizadas antes da declaración de Dorribo de agosto de 2011, e delas dedúcense presuntos delitos de subornos, tráfico de influencias e financiamento irregular de partidos políticos.

 

Esquerda Unida apoia a labor da xustiza e agarda que se chegue ao fondo da investigación, e se depuren xuridicamente todas as responsabilidades “caia quen caia”, sen excepcións.

 

Neste sentido, EU síntese dobremente lexitimada: en primeiro lugar por ser unha forza política libre de corrupción, e en segundo lugar por ser parte protagonista na denuncia e na loita contra esta lacra social. 

 

Vivimos momentos de gran incidencia da crise económica na vida dos galegos/as, con recortes xeralizados de servizos públicos e de dereitos laborais e sociais. De demostrarse a veracidade dos fraudes investigados, estariamos diante dun feito que demostraría claramente a responsabilidade de certos empresarios, políticos e funcionarios na propia orixe da crise. O uso fraudulento de fondos públicos para financiar negocios pantasma como o de Laboratorios Nupel, é dicir, dos cartos que os traballadores e traballadoras pagamos cos nosos impostos, en lugar de ir destinados á mellora dos sectores productivos ou dos servizos públicos. Os cartos dos traballadores/as que agora pagamos a crise polos recortes que aproban os mesmos que nos levaron a ela.

 

Para EU-V unha das causas fundamentais polas que se xera un problema destas magnitudes é a existencia dun “tripartidismo armónico”, moi cómodo e sen intrusos na institución autonómica desde hai moitos anos, fomentando a existencia e aparición de redes clientelares e de tráfico de influencias. A nivel de Galicia, son xa 19 anos, desde 1993, que tres partidos se reparten os escanos do Parlamento. De feito, PsdeG e BNG están inmersos nunha profunda crise política directamente relacionada co seu paso polo bipartito.

Relacionados