Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixe a eliminación das Sociedades de Inversión de Capital Variable como única solución para ter un sistema tributario máis xusto no que as grandes fortunas tributen dun xeito similar aos pequenos aforradores e non como está a suceder na actualidade onde sorprendentemente son os últimos os que pagan máis.
O deputado de AGE, David Fernández Calviño, presentou en comisión parlamentaria unha Proposición non de lei na que se insta a Xunta de Galicia a solicitar ao goberno español a eliminación destas Sociedades coñecidas como SICAV e establecer unha equiparación aos impostos das rendas altas españolas aos soportados polos seus homólogos no resto dos países da Unión Europea.
A actual situación de recortes nos servizos públicos do Estado de Benestar, tales como a sanidade e educación, argumentándose que o Estado non ten diñeiro para sustentalos non é certo. O problema é que no Estado español as rendas superiores non contribúen á facenda pública como fan os seus homólogos no resto dos países de la UE-15.
“Supón un insulto ós cidadáns do común que os súper ricos (as grandes fortunas) non declaren a maioría dos seus ingresos vía IRPF” tal e como destacou o deputado David Fernández Calviño na súa intervención engadindo que a eliminación destas sociedades “é simplemente unha cuestión de xustiza”. As grandes fortunas contan con gabinetes de asesores fiscais que os guían para minimizar as súas achegas ao fisco, e un dos mecanismos empregados son as SICAV, para as que a carga impositiva é mínima. Estes fondos están enormemente concentrados, como reflexo da enorme polarización das rendas existente no Estado español.