Esquerda Unida apoia a folga xeral

 Esquerda Unida censura a mentira do Goberno e o seu servilismo no seu ataque ás nosas pensións. Mentira á clase traballadora e obediencia aos mercados e o gran capital. O Goberno Central e o PP comparten unha mesma política económica e social, que minte á clase traballadora con proxecións falsas e interesadas e obedece aos intereses  antisociais do capital.

 Esquerda Unida vén demandando dende o comezo da crise, causada polas políticas neoliberais, a especulación financeira e do ladrillo, unha saída de esquerdas e democrática á crise. Conquerir esa saída require a organización e loita sociais para facerlle notar ao Goberno a nosa determinación na defensa dos nosos dereitos. Só a loita e a mobilización poden deter a vontade do Goberno de recortar hoxe as pensións, como onte os dereitos laborais e as axudas sociais.

 

Esquerda Unida fai un chamado para deixar a un lado os intereses partidarios e propiciar no eido da esquerda social, sindical e política a maior confluencia posible e a unidade de acción na defensa dos intereses da maioría social traballadora do noso país, na defensa e ampliación (non o recorte  do sistema público de pensións.

 

Cómpre salientar que entre os colectivos máis expostos a sofrir as consecuencias do recorte no sistema público de pensións se atopan as mulleres e a xuventude,  grandes prexudicados diante  deste ataque por canto o alongamento dos anos para o cálculo da pensión vai xogar directamente en contra dos colectivos que teñen un máis precaria inserción no eido laboral. Subliñar  que tamén o sector primario galego vaise ver especialmente afectado polo recorte; e todo  elo cando o noso país ten as pensións medias máis baixas do Estado.

 

O Goberno Central minte cando fala de reformar as pensións porque o que pretende é recortalas:

 

– As proxecións que din que non poderemos manter o sistema público de pensións en 2050 son falsas e pretenden enganar á sociedade co medo (xa no ano 1999 se prognosticaba a creba do sistema de pensións para 2010). Os pretendidos estudos técnicos son documentos tendenciosos pagados polos grupos de presión adheridos ao capital. Esas proxecións tentan sementar medo e recortar as pensións públicas para incentivar os plans privados de pensións, insolidarios e pouco rendibles, pero que lle dan beneficios ao gran capital cando especula con eles. Esta é unha contrarreforma para favorecer aos bancos, ás caixas e ás compañías de seguros.

 

– Aínda coa crise o Fondo de Reserva posúe case 70.000 millóns de euros e segue a ter superávit anuais. Gastamos en pensións menos do 10% do PIB cando Italia gasta o 14% ou Francia o 12%. As pensións galegas son as máis baixas do Estado (728 euros de media contra 876 de media estatal).

 

– En vez de atacar as pensións públicas o que cómpre é facer abrollar os empregos da economía mergullada,  traballar para conquerir que as mulleres non cobren un 30% menos a igual traballo, elevar o salario mínimo (o máis baixo de Europa tras Portugal), crear emprego estable e con dereitos coa incorporación das mulleres e mediante a extensión dunha política pública de servizos sociais en escolas infantís e centros para a dependencia, en resumo, outra política social atenta aos intereses xerais, non refén do gran capital.

 

– As medidas que pretende impor o Goberno Central, coa apoio do PP, buscan reducir a contía das pensións  entre un 5-10% mediante a ampliación dos anos de cómputo que pasarían de 15 a 20-25; e sobre todo co alongamento da idade de xubilación aos 67, o que suporía que traballariamos dous anos máis a pesares de ter unha das idades de xubilación reais máis altas de Europa (63 anos e 10 meses).

 

– Basta xa de ataques aos máis febles, á clase traballadora para darllo aos banqueiros, especuladores e grandes empresas: cunha taxa do paro do 20% (máis de 237.000 persoas rexistradas no paro), cunha taxa de precariedade tres veces superior á europea, con máis de 80.000 persoas no desemprego e sen recibir axuda pública algunha, e con máis de medio millóns de galegas e galegos por baixo do limiar de pobreza, o que necesitamos como sociedade é a ampliación do Estado Social e a intervención pública na economía.

 

Defende os intereses xerais de todas e todos, loita polos teus dereitos, participa e organízate o 27 de xaneiro

 

POLA DEFENSA E AMPLIACIÓN DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS

POLA RETIRADA DA CONTRARREFORMA LABORAL

POR UNHA SAÍDA DE ESQUERDAS Á CRISE

 

 

 

 

 

 

 

Relacionados