Esquerda Unida denuncia que non hai nada que celebrar no Día de Europa e traslada a súa preocupación pola vulneración constante dos dereitos humanos

Hoxe é o Día de Europa e, por este motivo, dende Esquerda Unida lembramos que esta é precisamente a Europa que non queremos: a que, por exemplo, vulnera constantemente os dereitos das persoas refuxiadas e migrantes, entre elas menores, unha Europa que non aprende absolutamente nada da nosa historia no que en materia de dereitos humanos se refire. É por iso que, neste 60º aniversario do Tratado de Roma cremos que non hai absolutamente nada que celebrar.

Nos campos de Idomeni, así como noutras zonas de Turquía, sucede unha tropelía continuada en materia de dereitos humanos, nuns campos onde as persoas perden a dignidade, o horizonte de vida e os seus proxectos vitais. Esta profunda crise de valores revela a falta de solidariedade que existe nunha Unión Europea criminal que apoia políticas neoliberais e que vemos con preocupación como estas serven para alimentar o avance de partidos da extrema dereita.

O Goberno Español comprometeuse a acoller, a través de diferentes programas de reasentamiento e recolocación, a 17.337 persoas refuxiadas no período de 2016-2017. Segundo o Informe de Oxfam Internacional, neste primeiro ano só conseguiron realoxar a cifra irrisoria e ridícula de 898 persoas, o que supón practicamente un 5,1% do que se prometera.

Tamén compre denunciar que no 2015, foran 3.771 persoas e, no 2016, o número máis alto ata a data: 5.000 persoas morreron afogadas nas augas do Mediterráneo, intentando encontrar unha vida digna na Europa criminal das fronteiras e de muros de formigón.

Por outra banda, en España seguen a existir os voos de deportación, que son unha evidencia do comportamento xenófobo e racista das nosas institucións ante as persoas migrantes, que o único que buscan é un futuro digno. Neste senso, Esquerda Unida esixe a Europa cumpra coa súa responsabilidade e garanta os DDHH máis elementais, como o de asilo ou o dereito á vida e á dignidade. Ademais, é necesario que se elabore un plan ben estruturado sobre as persoas migrantes e refuxiadas que soliciten asilo político.

A construción europea está baseada na perda de soberanía, nos recortes e no apoio ao imperialismo. As políticas neoliberais aplicadas no últimos anos están baseadas na hexemonía das finanzas internacionais sobre os demais ámbitos e, deste xeito, todas as accións están supeditadas ao lucro das clases oligarcas.

A Unión Europea, construída no Tratado de Maastrich e reforzada co Tratado de Lisboa, forma parte dunha concepción do mundo que deriva nun sistema antisocial, depredador e que converte ás persoas en mercadoría. Un sistema que é o responsable da crise estrutural actual e que agranda a brecha entre pobres e ricos, precariza as condicións laborais e os salarios, e recorta terriblemente en dereitos sociais conseguidos con tanto esforzo.

Por todo isto, dende Esquerda Unida seguimos a traballar a prol de derrocar a especulación financeira, promovendo medidas para acabar coa ditadura dos mercados financeiros, pulando pola eliminación dos paraísos fiscais, na defensa dos servizos públicos ou na erradicación das prácticas de especulación. O obxectivo: crear dende xa unha Europa dos Pobos fundamentada na cooperación e non no medo, o receo ou a desconfianza. Reconstruíndo os alicerces dunha política ao servizo do ben común e das persoas dende un enfoque de solidariedade.

Relacionados