Esquerda Unida denuncia graves deficiencias nas residencias para a terceira idade

Dende a secretaría de Políticas Sociais de EU vimos denunciando estas eivas na atención ás persoas maiores dende hai tempo. Neste senso, “os problemas comezan xa dende  antes de ingresar nun centro, xa que a discriminación comeza cunhas listas de espera interminables e que actualmente a Xunta mantén agochadas nun caixón, mentres centos de persoas, tanto en situación de autonomía como de dependencia, agardan polo ingreso nun centro”, sinala Ron.

“Dende hai máis de un ano, é un requisito imprescindible o recoñecemento do grao de dependencia antes de solicitar o ingreso nunha residencia. As persoas que, tras ser valoradas como ‘non dependentes’, intentan solicitar o ingreso nunha residencia para persoas con autonomía, atópanse actualmente nun ‘limbo administrativo’, pois nin acceden aos recursos que solicitan nin constan en lista de espera algunha”, denuncia o deputado. E continúa: “Unha vez que conseguen acceder a un recurso, en moitas ocasións lonxe da súa contorna habitual, teñen que padecer unha  deficitaria dotación de recursos nos centros, faltos da financiamento suficiente para proporcionarlles a atención que merecen no eido psicosocial, sanitario, ocupacional… atopándose moitos centros nunhas condicións lamentables de habitabilidade e con drásticas supresións nas actividades dirixidas a procurarlles un envellecemento saudable (obradoiros de prevención de dependencia, memoria, psicomotricidade, manualidades…)”.

Por todo isto, dende a secretaría de Políticas Sociais de EU denunciamos que, á vez que diminúen os servizos, aumenta o ánimo recadatorio da Xunta, que aumenta considerablemente a contía da achega económica que teñen que facer as persoas residentes, algunhas delas cun moi baixo nivel de ingresos; aumento xa efectivo nas residencias para persoas dependentes e aínda pendente de aplicar  nas residencias para persoas con autonomía.

Para Ron, o máis vergoñento neste senso é que “a Xunta inviste só na construción das infraestruturas, o único que parece interesarlle ao goberno clientelar de Núñez Feijoó pola súa deriva mercantilista e de negocio. Así, a mala xestión de proxectos feitos sen ter en conta ós axentes sociais e a poboación implicada, deixou baleiros centros de día e residencias para a terceira idade en cuxa construción se investiron ata 6,5 millóns de euros. Moitos foron despois privatizados, regalándose a empresas privadas, cacicada habitual do goberno do PP no conseguinte detrimento na calidade na atención ás persoas residentes e o empeoramento das condicións laborais do persoal dos centros”.

Tal e como recordábamos recentemente, o Consello Económico e Social (CES) alertaba na súa Memoria Socioeconómica e Laboral dunha importante redución do gasto sanitario en Galicia, unha comunidade que, segundo este organismo, leva cinco anos consecutivos cunha caída no orzamento sanitario. É por iso que dende Esquerda Unida denunciamos esta degradación calculada dos dereitos sociais e a demolición progresiva dos servizos públicos, ademais da súa privatización, mercantilización e externalización. Estes recortes, que veñen a engadirse ás baixas pensións que percibe a maioría do colectivo, debuxa un preocupante perfil de pobreza, precariedade e vulnerabilidade das persoas maiores.

 

Dende a secretaría de políticas sociais de EU  consideramos que unha política social axeitada para as persoas maiores debe ter unha concepción integral e integrada cara un envellecemento saudable e que os converta en protagonistas das decisións que se adoptan. E esta política social debe encadrarse nos principios de equidade, autonomía, solidariedade, recoñecemento da diversidade, participación, impulso ás relacións interxeneracionais e proximidade.

Relacionados