EU esixe nas rúas unha Lei Galega de Identidade de Xénero respetuosa

Esquerda Unida sumouse este domingo 23 á manifestación convocada na Coruña para esixir a elaboración dunha Lei Galega de Identidade de Xénero.

Na mobilización estivo presente a coordinadora de EU Pontevedra, senadora de En Marea e voceira adxunta do Grupo Parlamentario UP-En Comú Podem-En Marea, Vanessa Angustia, o portavoz de En Marea, Luís Villares, e o deputado de En Marea, Manolo Lago, que defenderon polas rúas coruñesas a necesidade de garantir os mesmos dereitos para todas as persoas, independentemente da súa diversidade sexual e afectiva, logrando un recoñecemento pleno non só no plano simbólico senón tamén real no plano xurídico e tamén saúde.

A coordinadora de EU Pontevedra, senadora de En Marea e voceira adxunta do Grupo Parlamentario UP-En Comú Podem-En Marea, Vanessa Angustia, denunciou que en pleno século XXI as identidades transexuais e transxénero seguen a ser patoloxizadas. Por este motivo, reclamou un acceso dentro do sistema sanitario público para as terapias hormonais e as cirurxías sen tutela psiquiátrica e sobre todo, inserción social e laboral para este colectivo.

Pola súa banda, o portavoz, Luis Villares, declarou que En Marea traballará para que “esta lexislatura que se acaba de inaugurar sexa a da ampliación de dereitos, sociais, políticos, que nos leve a ter unha sociedade máis xusta, equitativa e igualitaria para todo o mundo”.

Relacionados