EU cahama a cidadanía a participares nas manifestacións do 1º de maio

 

Este Primeiro de Maio de 2011 acontece nun contexto especialmente agudo de loitas sociais no noso país e no mundo. Os xestores do neoliberalismo, que é a versión contemporánea do capitalismo, decidiron utilizar a crise do sistema capitalista para intensificar a explotación da clase traballadora e dos pobos do mundo enteiro. Tratan de recuperar a taxa de ganancia á conta do recorte das retribucións salariais, o retroceso das conquistas sociais e a limitación da democracia.

A chamada reforma laboral abaratou o despedimento e, lonxe de facilitar a contratación indefinida, converteuna nunha excepción que non supera o 9% do total dos contratos.

 

A reforma do sistema público de pensións constitúe un ataque sen precedentes ao salario indirecto dos traballadores e ten como finalidade abrir camiño aos fondos privados de pensións e garantir os recursos necesarios para facer fronte á débeda externa da Banca española, xerada esencialmente no proceso de especulación inmobiliaria.

 

Con ese mesmo obxectivo ponse a disposición do capital financeiro para a súa xestión a metade do aforro do país, mediante a privatización das Caixas de Aforro.

 

Diante desta situación Esquerda Unida chama a cidadanía a participares masivamente nas manifestacións do 1º de maio para demostrar ao gobernos central e da Xunta que non aceptamos os ditados dos mercados.

 

Esquerda Unida mantén fronte á crise unha posición coherente e combativa. Fomos os primeiros en reclamar unha Folga Xeral fronte ás medidas do Goberno e seguimos defendendo un amplo paquete de medidas para abrir unha saída de esquerdas á crise, centrado na creación de emprego e no impulso dunha economía produtiva, non especulativa, participada pola cidadanía.

 

O coordinador comarcal de EU e candidato á alcaldía por A Coruña, César Santiso, indicou que “o 1º de maio debe servir para amosar o rexeitamento da cidadanía aos recortes sociais que estamos a sufrir”.

 

Relacionados