Manifesto diante do 1º de Maio

 

Os xestores do neoliberalismo, que é a versión contemporánea do capitalismo, decidiron utilizar a crise do sistema capitalista para intensificar a explotación da clase traballadora e dos pobos do mundo enteiro. Tratan de recuperar a taxa de ganancia á conta do recorte das retribucións salariais, o retroceso das conquistas sociais e a limitación da democracia.

 

En España, o número de parados e paradas está no bordo dos 5 millóns, de acordo cos datos da última Enquisa de Poboación Activa. Mentres, o gran capital, coa complicidade do Goberno (xestada na reunión de Rodríguez Zapatero cos grandes empresarios, aínda que o seu Ministro de Traballo faga protesta de “boquilla” e se adopten medidas insignificantes), atrévese a facer públicas medidas que, até non fai moito, serían consideradas como inimaxinables e ocultadas á opinión pública. Así, Telefónica, anuncia o despedimento de 6.000 traballadores e traballadoras mentres obtén os beneficios máis altos da súa historia e retribúe aos seus directivos con máis de 450 millóns de euros de compensación extraordinaria. E trátase só dun exemplo.

 

A chamada reforma laboral abaratou o despedimento e, lonxe de facilitar a contratación indefinida, converteuna nunha excepción que non supera o 9% do total dos contratos.

 

A reforma do sistema público de pensións constitúe un ataque sen precedentes ao salario indirecto dos traballadores e ten como finalidade abrir camiño aos fondos privados de pensións e garantir os recursos necesarios para facer fronte á débeda externa da Banca española, xerada esencialmente no proceso de especulación inmobiliaria.

 

Con ese mesmo obxectivo ponse a disposición do capital financeiro para a súa xestión a metade do aforro do país, mediante a privatización das Caixas de Aforro.

 

Non hai nin unha soa medida das tomadas polo Goberno Zapatero/Rubalcaba, coa escusa de combater a crise, que non vaia directa ou indirectamente en beneficio da banca, cuxa situación de endebedamento constitúe unha auténtica obsesión para o Executivo do PSOE e en cuxo favor está disposto a sacrificar o emprego, os servizos sociais, as pensións e o investimento público.

 

Ademais, a proxectada reforma da negociación colectiva pretende liquidar o sindicalismo combativo e de clase, desprotexer aos traballadores e traballadoras e facer retroceder, mesmo, os limitados contidos de democracia social e económica da Constitución española.

 

Xa hai a suficiente experiencia para constatar que as medidas que se están adoptando fronte á crise, impulsadas pola Comisión Europea e o FMI, e esixidas polos gobernos neoliberais dos países centrais da UE, están a fracasar e xeran un alto custo para os traballadores e traballadoras, tanto por conta allea como autónomos, e para a gran maioría da cidadanía. Recoñécese sen rubor que son os mercados os que mandan sobre a vontade popular. Mercados que, aínda que se quere ocultar, teñen nome e apelidos: son os donos dos grandes bancos e das grandes empresas, os xestores dos fondos especulativos.

 

Pero as xentes que vivimos do noso traballo ou estamos en paro non aceptamos esta situación coma se fose un castigo divino. Que paguemos a crise quen non a creamos non é unha necesidade, senón a mellor conveniencia dos mesmos que a xeraron e que obtiveron escandalosos beneficios con ela. Rebelámonos fronte a esa conveniencia inxusta e explotadora.

 

Rebelámonos fronte ás políticas de dereitas do Goberno do PSOE e rebelámonos fronte á dereita económica e política (ben representada polo PP e os partidos nacionalistas de dereitas) porque coinciden no fundamental: sacrificios para o mundo do traballo e beneficios para o mundo do capital.

ESQUERDA UNIDA mantén fronte á crise unha posición coherente e combativa. Fomos os primeiros en reclamar unha Folga Xeral fronte ás medidas do Goberno e seguimos defendendo un amplo paquete de medidas para abrir unha saída de esquerdas á crise, centrado na creación de emprego e no impulso dunha economía produtiva, non especulativa, participada pola cidadanía.

 

Expomos con firmeza a nosa posición no Parlamento, a través de propostas lexislativas, e na rúa mediante a convocatoria de actos e mobilizacións. Pronunciámonos de forma firme e decidida  fronte á reforma das pensións, independentemente do acordo ao que puidesen chegar os sindicatos, da mesma forma que nos comprometemos cos sindicatos no éxito da Iniciativa Lexislativa Popular para derrotar a reforma laboral imposta polo Goberno.

 

ESQUERDA UNIDA mantense firme coa xente de esquerda, cos traballadores e traballadoras.

 

Vinte e dous días despois deste Primeiro de Maio van ter lugar eleccións municipais e autonómicas. Participar nas mobilizacións convocadas o día da Festa Internacional da Clase Traballadora é hoxe máis necesario que nunca, votar nas próximas eleccións para lograr Concellos realmente de esquerdas que sexan auténticos baluartes fronte á dereita e ás políticas de dereitas é a mellor garantía para lograr unha saída de esquerdas da crise.

 

POLO EMPREGO

POLOS DEREITOS SOCIAIS E SINDICAIS

EN DEFENSA DAS PENSIÓNS PÚBLICAS

 

VIVA O 1º DE MAIO!

Relacionados