non a guerra.jpg - 8.28 Kb

EU reclama o cese da guerra con Libia

Desde finais de marzo máis de 1200 persoas morreron no mar

Esta secretaría de movementos sociais tivo acceso aos últimos informes levados a cabo pola CIMADE (organización francesa que defende os dereitos das persoas migrantes), e polo GADEM (Grupo de acompañamento e defensa de estranxeiros e migrantes) sobre a penosa e inhumana situación de desamparo á que se ven sometidas milleiros de persoas debido á guerra con Libia  e á política de fronteiras da Unión Europea (UE).

Segundo o Alto Comisionado para os Refuxiados, máis de 1200 persoas migrantes procedente de Libia e Tunisia perderon a vida tentando acadar Europa a través do mar desde finais de marzo. Na fronteira entre estes dous países, do lado de Tunisia, está o campamento de Choucha, onde 5 000 persoas, que fuxiron de Libia, non puideron ser repatriadas aos seus países. Son persoas de Eritrea, Somalia, Costa de Marfil e agardan pacientes neste campo de tránsito onde a calor é infernal. Mais, sabedoras de que Europa (co incontestable e miserable rol de España), a pesar de declararlle a guerra a Libia,  non quere saber nada delas, xa comezan a inquedarse e a esixir unha solución.

Como ben di o comunicado da CIMADE, o rexeitamento da Unión Europea de acoller a este reducido número de persoas, obrígaas a seguir camiños cada vez máis perigosos para tentar chegar ao refuxio –cando menos así o consideran- europeo. Así, vemos como, desafiando as bombas, hai persoas desesperadas que voltan a cruzar Libia coa esperanza de chegar ao mar e poder cruzar cara a Europa.

Segundo diversas fontes de información, entre elas as testemuñas recollidas pola Organizacion International das Migracions (OIM) é mesmo máis doado arriscarse a saír cara a Europa desde Libia. Algúns refuxiados sinalan que os propios militares libios os obrigaron a embarcarse en penosas barcas ameazándoos coas armas.

O réxime de Khadafi, até o de agora xendarme aplicado de Europa, sérvese das persoas migrantes como se fosen un arma, aplicando as ameazas que el mesmo realizara sobre as persoas migrantes. Unha ameaza que consistía em asustar a Europa sobre o (irracional) medo a unha invasión de Europa por parte das persoas migrantes. De aí, que facilite o camiño cara a morte aos refuxiados que fuxen da guerra. Fronte a esta situación a Unión Europea responde coa exclusión e coa afortalamento das súas fronteiras, antes que acoller con dignidade uns poucos milleiros de persoas que precisan de protección internacional. 

Esquerda Unida pide que cesen os bombardeos en territorio libio, xa que todo demostra que o único que se quere é asasinar a Khadafi e crear as condicións necesarias para controlar os recursos enerxéticos do país africano a través dun goberno títere. As bombas non son o camiño para a paz. Igualmente, reclamamos que se artellen medidas urxentes para protexer os dereitos das persoas migrantes e que se habiliten procedementos de acollida en Europa.

Relacionados