Esquerda Unida unirase este sábado 21 de xaneiro ás concentracións que terán lugar en diferentes cidades de toda Europa co motivo do Día Europeo de Accións Descentralizadas contra o CETA (Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá) que esixirán deter os abusos á cidadanía que se levarían a cabo de saír adiante este nefasto e antidemocrático tratado.
Dende Esquerda Unida sumámonos á denuncia contra estes acordos con EE.UU e Canadá que supoñen a entrega da soberanía para crear unha estrutura de dominación autoritaria que asegura ás multinacionais un poder e que pon en perigo os servizos públicos, os dereitos laborais, ambientais ou a personalidade cultural dos pobos.
É por isto que dende Esquerda Unida apoiamos as mobilizacións, levadas a cabo pola plataforma “Non ao TTIP”, que teñen moi claro que frear o CETA, tamén coñecido como o “TTIP canadense”, é unha prioridade política e social, tendo en conta que dito tratado está en proceso de ratificación no pleno do Parlamento Europeo de Estrasburgo.
É por todo isto que dende EU apoiamos estas mobilizacións e chamamos á participación nesta xornada, xa que non podemos permitir as constantes agresións á clase traballadora e ao futuro da nosa sociedade.