Eva Solla denuncia a situación de deterioro da sanidade pública reflectida no Hospital de Verín

O deterioro da sanidade pública converteuse na folla de ruta do Goberno de Feijóo. A política de privatizacións levada a cabo polo goberno da Xunta non deixa alleo ningún recuncho, como é o caso do Hospital de Verín. “O desmantelamento paulatino do servizo sanitario no Hospital Comarcal de Verín afecta tanto á falta de recursos materiais como humanos”, vén de denunciar Eva Solla de novo na Comisión de Sanidade.

Respecto á grave carencia medios humanos, Eva Solla apunta que “a falta de profesionais de enfermería, auxiliares e celadores provocan quendas de traballo no Hospital de Verín nas que, por exemplo, na noite só están dúas enfermeiras por unidade, un único celador para todas as plantas e outro máis para a quenda de noite”.

“A pediatría segue a ser un problema que semella que ao Goberno de Feijóo non lle interesa solucionar, xa que actualmente non existe a hospitalización de pediatría. O Centro Hospitalario de Verín só conta cun profesional da pediatría para atender partos, o mesmo profesional que xa tivo que prorrogar a súa xubilación”, di Eva Solla, tras ter mantido unha xuntanza cos e cas traballadoras do centro que realizaron peches para denunciar a situación de abandono no que se atopa o servizo.

Ver vídeo:

Relacionados