deixan as claras o fracaso do goberno galego para loitar contra esta hemorraxia demográfica que está a afectar á que probablemente sexa a xeración mellor preparada de galegas e galegos da nosa historia.
Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xabier Ron e Ramón Vázquez, detallaron en rolda de prensa as escandalosas cifras da emigración xuvenil en Galicia desde o 2009 e a chegada do Partido Popular á Xunta de Galicia que logrou desterrar do noso país a un total de 73.791 mozos e mozas en menos de cinco anos. Este éxodo xuvenil tradúcese nunha media mensual de 1.300 mozos e mozas que deixan Galicia ante a imposibilidade de desenvolver a súa carreira laboral e vital na súa terra. Mentres o PP confiou toda a súa política de emprego na figura do “emprendedor”, un eufemismo para se referir ao autoemprego que se concreta nos autónomos ou traballadores por conta propia e que está a resultar outro fracaso do goberno galego xa que novamente son os datos os que demostran o errado das medidas xa que Galicia perdeu 11.481 ‘emprendedores’ desde o ano 2009 segundo os datos ofrecidos pola Federación de Asociacións de Traballadores Autónomos a principios deste mes de xaneiro o que nos converte nunha das catro únicas comunidades que perdeu autónomos no 2013 en todo o Estado.
Fronte a este desastre no emprego xuvenil, a Xunta de Galicia iniciou unha campaña de promoción da nova modalidade de Formación Profesional, adoptando o modelo de Alemania onde xa se conseguira amortecer o aumento do paro a través dos chamados minijobs e os contratos de aprendizaxe. Deste xeito este curso a Xunta de Galicia puxo en marcha a Formación profesional dual en Galicia comezando por un proxecto experimental de FP Dual coa empresa Coremain SL, unha das empresas que mais contratos ten asinado coa Xunta de Galicia en materia de novas tecnoloxías da Información. O convenio asinado por Coremain e a Xunta permitiulle a empresa realizar 15 contratos de aprendizaxe despois de ter despedido a 10 traballadores con anterioridade, grazas ás facilidades da contrarreforma laboral acometida polo Partido Popular no Estado.
Mais no inicio deste ano 2014, a Xunta de Galicia superou segundo sinalaron os deputados de AGE, Xabier Ron e Ramón Vázquez, todos os seus despropósitos en materia de formación e emprego anunciando a pasada semana no seu portal da Consellería de Traballo e Benestar o programa “The job of your live” organizado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais Alemán no que se ofrecen contratos de aprendizaxe a mozos e mozas en traballos relacionados coa hostalería, carpintería, fontanería e outros traballos con salarios de pouco máis de 400 euros. No propio panfleto que o goberno alemán editou sobre este programa de traballadores estranxeiros se di que as persoas participantes terán unha excelente oportunidade para se quedar a traballar en Alemania.
Para AGE isto non é máis que “unha proba máis da incapacidade do goberno galego para dar solucións ao maior problema social de Galicia e demostra que o señor Núñez Feijóo e o seu goberno actúan como simples monicreques das políticas do goberno da señora Merkel, vendendo a mocidade galega como man de obra barata para a industria alemana despois de asumir as políticas de austericidio marcadas desde este país” sinalou o deputado de AGE, Ramón Vázquez quen engadiu que o Partido Popular está a facer de Galicia “un país desindustrializado, desbancarizado, ao que se lle espolian os seus recursos e o que se deixa sen futuro e sen xuventude”.