PXOM de Cabana de Bergantiños

Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu deputado Antón Sánchez denuncia as escuras manobras do Partido Popular a respecto do en teoría suspendido proxecto mineiro de Corcoesto. En concreto, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Cabana de Bergantiños, en exposición ao público, inclúe o seguinte fragmento (páxina 56, apartado V. 4):

“As futuras e previsibles actuacións sobre o termo municipal, que poden ter uynha significativa incidencia socioeconómica e ambiental son alleas ao PXOM, trátase do solo industrial que contempla o Plan Sectorial de Áreas empresariais de Galicia e o Proxecto Industrial dunha explotación mineira en Corcoesto… En canto á explotación mineira de Corcoesto, que neste intre non conta coa autorización, no caso de que se acade, pode supoñer un impacto económico significativo, pero temporal, ao mesmo tempo, que ao igual que calquera explotación mineira, suporá un impacto ambiental. A avaliación destas duas variables, non sempre compatibles, permitirá adoptar decisións á administración autonómica”.

“O PP quere substituír a vontade popular, que rexeitou contundentemente o proxecto, polos intereses dunha multinacional depredadora”, acusa Sánchez, quen tacha á Xunta de Núñez Feijóo de cómplice en todo este proceso neocolonial. No PXOM figura expresamente a delimitación do plan de minaría extractiva de ouro de Corcoesto, malia que a propia memoria admite que non está aprobado. “A maiores, vulnérase manifestamente o artigo 165 da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia, ao cualificar os terreos de sistema xeral, como se fose unha infraestrutura ou unha dotación pública”, engade o parlamentario de AGE. A mencionada norma di no seu artigo 165:

“Son terreos de sistemas xerais os dotacionais públicos que están deseñados ou previstos para o servizo da totalidade do municipio e, en especial, para implanta-las infraestruturas básicas do modelo de cidade”.

Alternativa Galega de Esquerda denuncia, en definitiva, que a Xunta delega as súas competencias a prol dos intereses coloniais de mu7ltinacionais extractivas. “E non ten o máis mínimo reparo en enganar á cidadanía ao dicir que suspende o contestado proxecto e logo reinicialo con nocturnidade para evitar a resposta dos agredidos”, resume Antón Sánchez.

Relacionados