Esquerda Unida denuncia que o aumento do control dos ingresos da ORA co que o goberno local defende a súa relación con Vendex é un paripé. Por moito que Carlos Negreira trate de defender a súa xestión, non houbo un verdadeiro control contable da ORA. A pesar das sospeitosas perdas millonarias, a única medida de control de ingresos foi utilizar “algúns postes da ora” para facer unha estimación de recadación. Nin “double check”, nin auditoría económica, tan só un tímido indicador de cara á galería, e para colmo esta actuación se realiza cando o goberno municipal coñece que a xuíza Pilar de Lara está a investigar a ORA coruñesa dentro da trama de corrupción Pokémon.
Lamentablemente todo apunta a que as actuacións sobre a ORA, que agora o goberno municipal defende que iniciou para “controlar á empresa”, responde a unha petición de Vendex de mediados de 2011, que segundo recoñece alcaldía cristalizou na regularización do contrato con suba de tarifa e prezos.
O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno municipal que faga públicos o informes da ORA, o iniciado en 2011 polo concello e o contratado en 2013 con unha empresa externa. Coma no caso dos informes da planta de reciclaxe de Albada, o goberno municipal mantén agochada a información recadada sobre a ORA. Aínda que EU xa presentou formalmente solicitude formal de acceso a dita información, como parte da nosa labor de control e agardamos contestación, entendemos que esta debe ser pública para toda a cidadanía, así como o debate sobre as medidas a adoptar. O contrato asinado polo goberno do PSOE no 2005 supón un auténtico escándalo e unha estafa para os coruñeses e coruñesas, que viron como ano tras ano tiveron que afrontar cos seus petos as supostas perdas, a razón de 1300 euros diarios por un servizo que tiña que dar beneficio económico ao concello. Até os propios directivos de Vendex, tal e como recolle o sumario da Pokémon, poñían a ORA coruñesa como exemplo de contrato lucrativo para a empresa, intentando asinar contratos similares noutros concellos.
O voceiro de EU-V, César Santiso, indica que “toda a cidade sabe que a ORA foi unha estafa perpetrada polo PSOE e mantida polo PP. Tanto uns como outros menten mais que falan, Negreira debe facer públicos os estudios e deixar de enganar a cidadanía con eficiencias imaxinarias, Julio Flores e Jose Nogueira deben dimitir, pois o segundo de Mar Barcón foi o artífice deste vergoñento contrato e o segundo de Negreira trapicheou con Vendex para regularizar o contrato e achegar máis cartos municipais a empresa corrupta”.