O texto desta iniciativa pola que se debería modificar a Lei Xeral da Seguridade Social establece textualmente que “cando o traballador que accedeu á xubilación anticipada derivada do cese no traballo como consecuencia da extinción do contrato de traballo, en virtude de causa non imputable á libre vontade do traballador, cumpra os sesenta e cinco anos, a pensión deixará de ser obxecto de redución pola aplicación dos anteriores coeficientes, sempre e cando se acredite un período mínimo de cotización efectiva de trinta e cinco anos”.
Para evitar dúbidas, o texto da proposición de lei rexistrada sinala que “as retencións que se estivesen aplicando como consecuencia dos coeficientes redutores nas xubilacións anticipadas forzosas quedarán sen efecto ao cumprir o traballador os 65 anos, sempre e cando se acredite un período mínimo de cotización efectiva de trinta e cinco anos”.
Aclárase de forma expresa que “se entende por xubilacións anticipadas forzosas aos efectos desta disposición as derivadas do cese no traballo como consecuencia da extinción do contrato de traballo en virtude de causa non imputable á libre vontade do traballador. A estes efectos, terán a mesma consideración as extincións producidas por acordos colectivos e as producidas por contratos individuais de prexubilación”.
Con esta iniciativa atendemos ás demandas realizadas por numerosos colectivos, asociacións e sindicatos que van no mesmo sentido que presenta esta reforma e posiciónase dunha forma clara de cara a unha futura reforma do Pacto de Toledo, pero na liña de non recurtar dereitos aos traballadores e futuros pensionistas, como sí pretenden outras formacións políticas.