Valoración ano de goberno

 

Esquerda Unida outorga un rotundo suspenso ao goberno municipal no seu primeiro ano de goberno. O PP chegou a María Pita falando dun plan de emprego e de incentivar a economía local, lonxe de acadar tales obxectivos, este primeiro ano demostrou, non so que carecía de dito plan de emprego o que xa de por si supón un engano a veciñanza que lle outorgou a súa confianza, senón que se constata que nin saben, nin poden, nin queren aplicar medidas encamiñadas a cambiar o modelo produtivo, reactivar a economía e, xa que logo, xerar emprego.

 

A falta de iniciativas neste sentido, a pesares de que tanto o desemprego como a situación económica actual son con diferenza os principais problemas dos coruñeses e coruñesas, son a constatación da incapacidade dun Goberno local centrado en crear problemas onde non os hai e coa mirada fixada constantemente no pasado. Proba de elo foi a súa incapacidade para executar 1/3 dos fondos para fomento do emprego, así como outro terzo para políticas de comercio, PYME e turismo.

 

Lamentamos que a única aposta, sexa o investimento de 14 millóns de euros no soterramento do tráfico do Parrote, é dicir diante de falta de ideas para cambiar o modelo produtivo local, o PP aposta polo caduco e superado modelo produtivo do ladrillo e o formigón aquel que so da beneficios a uns poucos construtores a consta de manter en traballo precario ou desemprego a gran parte da cidadanía coruñesa.

 

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes afirma que o goberno local fracaso no desenvolvemento de políticas que palíen os principais problemas da veciñanza: como o desemprego, a situación económica local, a mobilidade, o urbanismo ou a participación cidadá. Efectivamente o goberno municipal non so non deu resposta as dúas preocupacións principais dos coruñeses e coruñesas, senón que tampouco o fixo co resto significativa: o urbanismo, a mobilidade e a desafección da cidadanía coa política e os políticos.

 

En materia urbanística O PP afonda nas eivas cometidas por anteriores gobernos municipais, caracterizadas polo desenvolvemento dun urbanismo insustentábel, especulativo e afatado da cidadanía”. Aínda que en menor medida que en anteriores gobernos municipais a política urbanística sigue a basearse na falta de planificación, a chapuza e a inseguridade xurídica”.

 

Neste sentido son claros os exemplos das medidas adoptadas polo goberno do PP como a aprobación en Pleno, co voto en contra de Esquerda Unida – Os Verdes, da modificación do Plano Parcial S-6 do Parque de Eiris, a Modificación do Plano Parcial do Sector 7, Recinto Feiral, Zona II, Parcelas P.II.2, P.II.3, P.II.4 e P.II.5 ou a modificación do 2º Texto Refundido de Modificación do Plano Parcial do Sector 7, Recinto Feiral, Zona V Parcela P.V.4. Medidas todas elas que benefician aos promotores urbanísticos, nalgúns casos famosos empresarios galegos con grandes influencias, pero que en ningún caso supoñen beneficios para a cidade e moito menos para a veciñanza, é dicir que co goberno do PP estanse a cometer as mesmas inxustizas que cos anteriores gobernos do PSOE, o que ven a amosar unha clara liña de continuidade entre as políticas urbanísticas  de ambas as dúas forzas políticas, sempre do lado dos poderes económicos.

 

En canto a inseguridade xurídica, temos o caso do Parrote, un proceso mal desenvolvido dende o principio que se pode converter nun novo affaire urbanístico que desangre as arcas municipais.

 

Por outra banda, observamos como o Goberno do PP non dubida en defender os intereses partidistas diante dos intereses dos coruñeses e coruñesas, como no caso do Ofimático que por intereses da Xunta de Galicia e dos propios promotores están a atrasar este desenvolvemento urbanístico con todo tipo de artimañas a pesares de estar a prexudicar gravemente a 400 familias traballadoras coruñesas, que ven como a súa economía se afunde debido a ter que soportar o pagamento dunha hipoteca de algo que non ten ao tempo que o aluger da súa vivenda. Este tipo de actuacións nas que o Goberno local antepón os intereses partidistas do PP diante dos intereses da Coruña, repetiuse en distintas ocasións como por exemplo o agasallo da Fabrica de Tabacos á Xunta de Galicia, patrimonio de todos os coruñeses e coruñesas, o silencio cómplice diante dos ataques ao noso aeroporto, Alvedro, diante da perda do IES Paseo das Pontes, coa residencia universitaria, diante do recorte de investimento dunha infraestrutura fundamental para a reactivación económica local como é o Porto exterior de Punta Langosteira e as súas conexións terrestres, por ferrocarril e estrada, ou mesmo a eliminación da dotación económica para a rexeneración da ría do Burgo.

 

En canto a mobilidade, logo dun ano e apesares de ser un tema central durante as pasadas eleccións e ser un compromiso electoral do PP, seguimos sen dispor un plan de mobilidade, pero o máis grave é que o Goberno local, cos cartos de todos e todas, está a desenvolver actuacións sen un plan previo, como a retirada do carril bus e a súa substitución pola vía prioritaria vixiada, que a pesares de ser unha boa opción para vías secundarias nunca pode competir en canto eficiencia coas plataformas dedicadas, totalmente necesarias nas vías principais para asegurar un transporte público colectivo eficaz que sexa que de competir co uso do vehículo privado.

 

Tamén denunciamos un claro déficit en canto a participación cidadá, o Goberno local renuncia a implicar á veciñanza nas decisións do Concello e, xa que logo, impide un maior empoderamento da cidadanía, como o demostra o feito de que pretende facer un uso partidista das AAVV. e rachar o tecido asociativo coruñés obviando a asociacións emblemáticas como a do Castrillón, Oza-Gaiteira-Os Castro, Birloque o Atochas-Monte Alto, no que constitúe a constatación da falta de interese do goberno do PP en materia de participación cidadá, a pesares que durante a campaña electoral ao alcalde enchíase a boca falando de diálogo cos veciños.

 

Un claro exemplo deste déficit o constitúe o ineficaz modelo do sistema clientelista de concelleiros de barrio impulsado polo goberno municipal, que pretende establecer unha relación coa veciñanza baseada na realización de favores individuais en lugar de outorgar dereitos colectivos. Este é un sistema que está a ralentizar os contactos entre Concello e veciñanza e que ben a demostrar que o Goberno local non comprende o concepto de asocianismo veciñal, entendéndoo isto como o mero feito de pedir cousas, cando en realidade as AAVV fan un traballo de grande importancia social pois ademais de facer de nexo de unión entre a veciñanza e ser un viveiro de ideas para mellorar os nosos barrios, teñen a  capacidade de participares en desenvolvementos conxuntos cos poderes públicos.

 

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “o suspenso é claro son moitos os erros cometidos do goberno do PP mais tamén teñen existe algún avance, aínda que pequeno, como por exemplo o aforro en gasto corrente, a maior eficacia na recadación e a mellora no sistema de contratación. En todos estes aspectos Esquerda Unida ten propostas moito máis elaboradas e incisivas que as accións desenvolvidas ata o de agora, xa que logo, instamos ao goberno municipal abandone o populismo, a demagoxia e a propaganda que está a utilizar con estes temas e se centre en avanzar cara a optimización dos recursos públicos.

Relacionados