Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda asegura que os datos desminten as mentiras e o fraude da solvencia de Alberto Núñez Feijóo en materia económica e o elevan ao primeiro posto da lista coma o peor presidente da historia da comunidade autónoma galega xa que en menos logrou incrementar a débeda en máis de 4.600 millóns de euros o que supón máis do dobre de toda a débeda alcanzada desde o arranque da democracia. A realidade demostra que as políticas de austeridade do PP non só supoñen unha constante agresión contra os cidadáns senón que nin tan sequera serven para acadar os obxectivos marcados por eles mesmos en canto a solvencia económica.
O deputado de AGE, Antón Sánchez, ofreceu esta mañá en rolda de prensa datos aportados polo Ministerio de Hacienda que desmontan as múltiples mentiras e o fraude que o Partido Popular e Núñez Feijóo á cabeza, insisten en repetir para intentar agochar a súa incapacidade na xestión e o fracaso escandaloso da súa política financieira. Así tal e como reflicten os datos mentres no ano 2009 Galicia contaba cunha débeda de 4.842 millóns de euros, no primeiro trimestre deste ano rozaba xa os 9.500 millóns de euros. Os datos oficiais recollen ademais o importante aumento rexistrado nos últimos anos con un incremento exponencial da débeda do 15 por cento (1.264 millóns) desde o último trimestre de 2012 e o primeiro de 2013. “Mentres en Galicia o aumento do endebedamento rexistra cifras do 16 por cento a media do resto de comunidades autónomas situouse no 2,8 por cento o que supón unha proba máis da incapacidade do goberno galego” salientou Antón Sánchez. Así mesmo, o deputado de AGE destacou que a día de hoxe Galicia superou xa o obxectivo máximo de débeda pública marcado polo goberno estatal marcado no 16,2 por cento cando a nosa comunidade está preto xa do 17 por cento.
Os datos de execución do Fondo de Compensacion Interterritorial exemplifican a incapacidade do executivo de Feijóo para xestionar o noso país xa que o ano pasado deixouse sen executar case o dobre dos cartos dispoñibles o que supón desaproveitar máis de 39 millóns de euros. “Mentres a Xunta de Galicia castiga a pagar os comedores escolares dos seus fillos á cidadanía do común cun coste para a administración duns 20 millóns de euros, deixa sen executar 36 millóns de euros pola súa incapacidade” denunciou o deputado Antón Sánchez. Partidas destinadas ao desenvolvemento pesqueiro, construción de centros de saúde ou o saneamento de augas foron outras das partidas deste Fondo que o goberno galego deixou sen executar o ano pasado mentres que o resto de comunidades do Estado manteñen uns niveis de execución do 94 por cen de media, sendo só Galicia (56,70%) e Canarias (97,53%) as comunidades que o pasado ano non alcanzaron o cen por cen de execución.
Ante esta situación que sitúa a Galicia como a comunidade con peor índice de execución destes Fondos e despois de que o propio Consello de Contas remitise un informe no que se advirte deste baixo nivel de execución e insta a tomar medidas para evitalo, Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta a través dunha Proposición non de Lei no Parlamento a presentar no prazo máximo de tres meses un informe xustificativo das causas deste baixo nivel de execución orzamentaria do FCI e a poñer en práctica as medidas efectivas que garantan un nivel de execución do cen por cen.







