Dispersión urbana

A memoria xustificativa do PXOM proposto para o Concello de Ponteareas, non contempla ningunha programación temporal do desenvolvemento dos diferentes ámbitos urbanizables. Este feito, pode causar un desenvolvemento urbano disperso como consecuencia das operacións de compra-venda supeditadas á lei de mercado, poidendo resultar máis barato e rentable dende o punto de vista do promotor, construir en zonas que non estean anexas ao casco urbano xa existente.

O desenvolvemento disperso vai en contra dos principios de sustentabilidade, xa que se crearían novas zonas residenciais non conectadas aos núcleos xa existentes, dando lugar a un incremento do uso de vehículo privado, menor accesibilidade aos servizos, e en definitiva, dificulta a implantación dun sistema de transporte sustentable. Así mesmo, o investimento en infraestruturas de transporte, saneamento, abastecemento, redes eléctricas e de comunicacións, gas, etc. será notablemente máis elevado tanto para a súa construción como para o seu mantemento.

Debido a estas cuestións, Esquerda Unida solicitou a inclusión na normativa do PXOM, tanto para o casco urbano como para os núcleos rurais, cláusulas que restrinxan a construción de nova vivenda en parcelas que non estean sitas anexas a vivendas xa construídas. Isto pódese facer delimitando zonas en orde de proximidade ao núcleo urbano xa existente, imposibilitando efectuar licencias de construción en zonas máis alonxadas a dito núcleo antes que non estén edificadas a maioría de parcelas das zonas máis próximas.

Relacionados