Lei de emprendemento do PP

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2013.- Os datos sobre a actividade empresarial en Galicia relativos a 2012 son demoledores. Expúxoos a deputada de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Consuelo Martínez en comisión parlamentaria esta mañá. E a foto que amosan resulta ilustrativa da ausencia de política industrial na Xunta de Feijóo: en 2012 pecharon no país 1.714 empresas, un 17% máis que no ano anterior. “As expectativas dos empresarios galegos son pesimistas”, afirmou Martínez, “e consideran a situación económica moi negativa”.

Alternativa, a través da parlamentaria Martínez, denunciou, ademais, o imparábel crecemento do desemprego. “Esta situación débese ao fracaso da clase política, da gran banca, das institucións internacionais e dos gobernos estatal e galego”, dixo, antes de acusar aos que gobernan “de estar fóra da realidade”. En preguntas ao director xeral do Igape, Javier Aguilera, Martínez cualificou a lei do emprendemento anunciada polo presidente galego de “propaganda”. “Temo que se faga só para a galería”, expresou. Para finalizar, esixiu que o Igape faga seguimento dos cartos que inxecta nas empresas “porque moitos deses fondos son empregados para pagar indemnizacións por despedimentos sen que a Xunta faga nada”.

 

 

 

Relacionados