Millornario soterramento do tráfico

 

Esquerda Unida considera unha irresponsabilidade malgastar millonadas en soterrar o tráfico na mariña en plena crise, en lugar de centrar o investimento e o esforzo en reactivar a economía, xerar emprego e fortalecer os servizos sociais públicos, porque a prioridade é sacar da pobreza e do risco de exclusión social a miles de coruñeses e coruñesas. O goberno municipal aposta por unha obra faraónica, e así continuamente estamos vendo que o proxecto se modifica, se amplía o percorrido e multiplícase a previsión de custos neste concepto. E mentres tanto, miles de familias están vivindo situacións dramáticas na cidade, e o que é máis grave, vendo como o Concello ignora as súas situacións.

Semella que o goberno local pretende arruinar a cidade e hipotecar a futuros gobernos, xa que logo, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes esixe ao goberno local que paralice o proxecto ata que finalice a crise, se recupere a economía local e abandonemos a emerxencia social, porque os coruñeses e coruñesas non demandamos tal obra faraónica que nada ten que ver coa Coruña Futura que todos queremos, nin supón ningunha prioridade, menos nestes tempos de crise.

Primeiro foron, 500 m. despois 1000, agora 1200 m. de soterramento, resulta vergoñento que o PP non só manteña, senón que incremente día a día un proxecto faraónico que non responde ás necesidades da veciñanza.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “aínda que o proxecto é interesante, está fora de contexto e non resolverá os problemas de mobilidade, simplemente os soterra. Semella indecente malgastar 32 millóns e medio para saciar os delirios de grandeza do alcalde cando unha de cada catro persoas se atopa en risco de exclusión social”.

César Santiso recordou que os cartos que achega a Xunta de Galicia, tamén son públicos é dicir que tamén pertencen aos coruñeses e coruñesas e que con eles podería evitarse que ningún coruñés pase fame, teña que repañar nos contedores, durma a ceo aberto ou quede sen cursar estudios universitarios por falta de medios.

Relacionados