O grupo parlamentar solicitou conxuntamente co BNG a constitución dunha Comisión de Investigación sobre as causas do tráxico accidente de Santiago de Compostela para cumprir co deber que ten o goberno coas vítimas de esclarecer a realidade.
Os deputados de AGE reuníronse esta mañá cos representantes dos sindicatos ferroviarios que aseguraron que cos datos que se teñen ata o momento o único que se pode facer son especulacións e reclaman que se chegue ao fondo do acontecido
Santiago de Compostela, 1 agosto de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda acusa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de estafar unha vez máis á cidadanía galega dando ‘gato por lebre’ ao anunciar e publicitar que Galicia xa tiña AVE (http://www.xunta.es/hemeroteca/c/Autoplay?content=16966) cando agora a realidade demostra que non é tal xa que nin o ancho da vía nin os trens nin as medidas de seguridade son os propios da alta velocidade.
O grupo de AGE solicitou no Parlamento conxuntamente co BNG a constitución dunha Comisión de Investigación sobre as causas do accidente ferroviario de Santiago do pasado 24 de xullo así como sobre as condicións de seguridade na rede ferroviaria de alta velocidade en Galiza. A vicevoceira do grupo parlamentar, Yolanda Díaz, afirmou que “esclarecer a verdade tal e como reclaman os familiares das vítimas é un deber do goberno galego”.
Por este motivo, o seu grupo esixe que se informe sobre das características reais do sistema ferroviario galego, a dotación de seguridade coa que conta que tal e como parecen demostrar os datos coñecidos ata o momento semella non ser a axeitada cun sistema que é unha mistura trapalleira que o longo dos anos trataron de vendernos como alta velocidade e se o mantenemento dos sistemas e elementos de seguridade era óptimo, axustado e estaban plenamente operativos e en funcionamento. O voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, destacou a importancia de clarexar todo o sucedido e tomar as medidas de seguridade precisas. Pola súa banda, Yolanda Díaz esixiu que se deixe de tratar como chivo expiatorio aos operarios e dean un paso adiante para coñecer a realidade e todo o que influíu no tráxico accidente de Santiago de Compostela.
Os deputados de Alternativa Galega de Esquerda mantiveron así mesmo un encontro esta mañá cos representantes dos sindicatos ferroviarios no que se destacou a urxente necesidade de instalar medidas de seguridade de xeito inmediato para evitar este tipo de accidentes. Os propios representantes sindicais coincidiron en sinalar a necesidade de esclarecer o acontecido e deixar as especulacións a un lado xa que tal e como eles mesmos declararon cos datos que se teñen ata o momento todo o que se hai son especulacións.