Moción apoio folga xeral

 

Neste contexto se teñen producido nos últimos meses unha avalancha de medidas adoptadas polo Goberno central de ataque sen concesións ás conquistas históricas da clase traballadora e dos sectores populares: o paquete de medidas de axuste por importe de 15.000 millóns de euros e que terá continuación no vindeiro orzamento  e a contrarreforma laboral tramitada como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo son chanzos sobranceiros da estratexia gubernamental.

 

A devandita contrarreforma laboral non vai servir nen para crear emprego nen para reducir a escandalosa  precariedade que padecen as traballadoras e traballadores galegos e do conxunto do Estado. Está deseñada para facilitar e abaratar os despedimentos, que xa son na práctica libres, porque amplía as causas para elo e reduce os dereitos de indemnización das traballadores e traballadores. Vai supor un reforzo para o poder empresarial á hora  de modificar as condicións de traballo en todo o que atinxe a horarios, mobilidade xeográfica e funcional, etc. Xunto con iso  debilita a tutela xudicial efectiva como garantía para a clase traballadora e a negociación colectiva, así como privatiza a xestión do desemprego coa aceptación da intermediación laboral privada.

 

Unha cuestión fundamental é o ataque que supón esta contrarreforma en canto debilita a negociación colectiva, ao facilitar as empresas a adopción de medidas de descolgue. Cómpre non esquecer que a negociación colectiva constitúe un ferramenta fundamental na defensa dos intereses da clase traballadora.

 

Incluso privatiza a xestión do desemprego, no canto de potenciar o servizo público de emprego, e amplía o campo de actuación das ETT,s aos sectores de risco e mailo emprego público.

 

As medidas son inxustas e erradas, porque o mercado de traballo adoece dunha excesiva e negativa flexibilidade externa como amosan as taxas de temporalidade e as facilidades para despedir ( o exemplo son os máis de 13 millóns de contratos temporais  asinados en 2009, en plena crise económica, nun contexto marcado pola destrución de emprego. As medidas a adoptar son outras moi distintas tanto no eido estrutural – para sentar as bases dun modelo produtivo e social sustentable – canto na conxuntura, no que atinxe a recuperar o creto para a economía produtiva,  e impedir que o axuste fiscal programado polo Goberno deprima aínda máis a economía, prexudique a creación de emprego e alimente como resultante o déficit público.

    

Mais a espiral antisocial dun goberno obsecuente coas recomendacións do FMI, Banco Mundial e Comisión Europea, anuncia que á volta do verán vaise atacar o sistema público de pensións para alongar a idade de xubilación, que no noso país está por riba da media da UE e para mudar as bases de cálculo da vida laboral coa intención de reducir o monto final da pensión a percibir polo traballador. Medidas coherentes coa estratexia de debilitar o sistema de reparto e facer avanzar o de capitalización privado, verdadeiro programa final neste eido  do capital financeiro.

 

Doutra banda, o Grupo Municipal de Esquerda Unida rexeita a falsa política da austeridade fiscal, que supón que teñamos unha das tributacións máis reducida e cunha menor progresividade, isto é, o paraíso para o capital e a burguesía nas súas fraccións máis acaudaladas. Valga o exemplo de que só  a recuperación da progresividade fiscal perdida nos últimos 20 anos  suporía un incremento de 66.000 millóns de euros anuais, que permitirían financiar a creación de emprego nos sectores como o da atención á dependencia, ensino ou sanidade, que forman parte dos dereitos económicos e sociais recollidos na Constitución, superando a fenda no gasto social que segue a separarnos dos estándares de benestar da UE.

 

En resumo, son moitos os ataques que están a sufrir  as clases traballadoras, autónomos e pequeno empresariado para que o Goberno do Estado satisfaga as esixencias do gran capital. Son este conxunto de ataques aos nosos dereitos como traballadores e traballadoras os que levan ás  centrais sindicais de clase CC.OO.  e U.X.T.  a convocar  para o día 29 de setembro unha xornada de folga xeral para enfrontar as medidas aprobadas polo Goberno central que recortan dereitos sociais e que suprimen dereitos das traballadoras e traballadores.

 

O noso concello ten o deber cívico de tomar posición nunha cuestión política e social da meirande magnitude para a nosa sociedade. Xa que logo, o Grupo Municipal de EU  formula, para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Ferrol, a seguinte proposta de ACORDOS:

 

Primeira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda demandar do Goberno central a retirada  integra da contrarreforma laboral tramitada no Congreso dos Deputados como Lei de medidas urxentes para a reforma do mercado de traballo e insta a este a retomar o diálogo social a partires das preocupacións e demandas das centrais sindicais de clase.

 

Segunda.-  O Pleno do concello de Ferrol acorda instar ao Goberno central a que non  aprobe  ningunha reforma no eido das pensións que supoña unha redución respecto  dos dereitos recoñecidos hoxendía ás traballadoras e traballadores, en particular o que fai o alongamento da idade de retiro ou á ampliación da base de cálculo da vida laboral.

 

Terceira.- O Pleno do concello de Ferrol acorda dar traslado destes acordos ao Goberno do Estado e á Comisión Executiva da Confederación  Sindical de CC.OO.  e á Comisión Executiva Confederal da UXT.

Relacionados