A redución dun 5% dos salarios dos traballadores e traballadoras públicas, a conxelación das pensións agás as non contributivas e mínimas, a eliminación do réxime transitorio para a xubilación parcial, a cancelación do cheque – bebé, a eliminación da retroactividade no cobro das prestacións da Lei da Dependencia, o recorte na axuda ao desenvolvemento por importe de 600 millóns de euros e a redución en 6.000 millóns nos investimentos públicos en infraestruturas, xunto cun recorte adicional en 1.500 millóns a asumir polas administracións autonómicas e municipais representan un ataque inxusto e ademáis ineficaz para atallar a crise. Hai que engadir as nubes negras que con esa mesma orientación rondan a anunciada reforma laboral e sobre as pensións.
Son medidas que rompen os Acordos da Función Pública cos sindicatos, que se acadaron en data tan cercana como setembro de 2009. Así como a Lei 33/85 sobre o mantemento da capacidade adquisitiva das pensións e maila Lei 40/07 sobre o réxime de xubilacións. Son medidas que vulneran os acordos parlamentarios sobre a Lei da Dependencia, que sofre un atraso crónico na súa aplicación e un evidente subfinanciamento.
Medidas que semellan unha atolondrada, mais interesada, carreira en pos dunha deflación competitiva, que deixe os causantes da crise sen custo algunho. A estes efectos acordánse medidas inxustas e que van dificultar e profundizar a crise, ao ferir a unha feble demanda agregada, ferindo aos únicos que están a pagar a crise as mulleres e homes das clases traballadoras.
O déficit público explícase – nunha lectura de esquerdas, atenta ao interese xeral das clases traballadoras – polo lado dos reducidos ingresos e non polo do cativo gasto público, que segue a atoparse a anos de distancia e a 7 puntos do PIB en gasto social en relación coa media da UE. A progresiva voadura da fiscalidade das rendas do capital e a redución e perda de progresividade dos tipos impositivos do IRPF, xunto coa supresión do imposto de patrimonio e a mingua do de sucesións supoñen a clave da febleza dos ingresos estatais, xunto cunha ineficaz tarefa de inspección fiscal para reducir a economía mergullada e a fraude fiscal. En consecuencia, revélase a incapacidade para afrontar o gasto social e produtivo coa intensidade que require o actual intre.
Para Esquerda Unida as actuacións do Goberno Central teñen que reorientarse por completo, xirar 180 graos, para incrementar os ingresos a partir dunha reforma fiscal que equilibre o custo da crise que até o de agora está a ferir a millóns de traballadores e traballadoras, autónomos e pequenos empresarios, cuxa realidade obxectiva os sitúa no campo dos intereses da maioría social traballadora.
Xa que logo, o grupo municipal de ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA presenta, para a súa toma en consideración polo Pleno do concello de Santiago, a seguinte proposta de
ACORDOS:
1.- O Pleno do concello insta ao Goberno Central a retirar o Plan de Axuste presentado o día 12 de maio e aprobado no Consello de Ministros do día 20 do corrente.
2.- A Corporación local manifesta a súa oposición a calquera medida de conxelación das pensións do sistema público e insta ao Goberno Central a retirar das medidas de axuste as que conxelan as pensións durante 2011 e modifican as condicións para a xubilación parcial.
3.- O Concello de Santiago insta ao Goberno do Estado a que de maneira inmediata recupere o Imposto de Patrimonio, que permitiría un aumento da recadación fiscal duns 2.200 millóns de euros, segundo a recadación prevista no último exercicio no que estivo en vigor (2007), e que fai innecesario calquera recorte de pensións ou o endurecemento das condicións para o disfrute das mesmas.
4.- A Corporación local oponse a calquera medida que supoña a redución do salario dos empregados e empregadas públicas e/ou a conxelación das súas retribucións e insta de xeito especial ao Goberno a que retire das medidas de axuste ás que poidan afectar a este concepto.
5.- A Corporación local insta ao Goberno a que de forma urxente convoque aos representantes das forzas políticas para acordar un paquete de medidas de reforma fiscal progresiva, na que paguen máis os que máis teñen ou gañen e se incorporen medidas para incrementar a recadación fiscal procedente das institucións financeiras e das operacións especulativas, de maneira que sexa innecesaria calquera medida de recorte salarial ou de axuste de emprego das e dos empregados públicos. Estas medidas deben incorporar un plan rigoroso de loita contra a economía mergullada e o fraude fiscal. Asimesmo, as Administracións públicas adoptarán medidas eficaces para a racionalización do gasto, na procura da meirande calidade e eficiencia.
6.- O Concello de Santiago tomará cantas medidas sexan precisas para evitar a aplicación aos empregados e empregadas públicas deste concello das medidas de recorte e axuste anunciadas polo Goberno Central.