O concello terxiversa os feitos para disimular irregularidades de Marineda

 

 

O Consello Comarcal de EU Coruña esixe ao Goberno local que explique aos coruñeses e coruñesas, cal é a relación entre o desenvolvemento dun plan sectorial de estradas e o escandaloso aumento da edificabilidade aprobada no pleno, a exención da obriga de ceder ao concello o chan necesario para servizos xerais, zonas verdes e equipamentos, e de ceder tamén a plusvalía xerada polo aproveitamento urbanístico, ao redor do 10% da superficie.

 

Ademais, a Xunta de Galicia ven de desmontar a argumentación do concello indicando que a modificación do trazado da terceira rolda responde a unha solicitude oficial do concello da Coruña presentada mediante unha alegación rexistrada o 22 de outubro de 2001 diante do Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial.

 

Xa que logo, Esquerda Unida acusa ao concello de terxiversar os feitos en relación ás presuntas irregularidades no centro comercial Marineda Plaza que está a investigar o tribunal de contas.

 

César Santiso, Coordinador Comarcal de EU, ven de declarar queo Goberno coruñés volve a menosprezar á cidadanía mediante a utilización de argumentos falaces e inconsistentes”.

 

César Santiso recordou tamén que o alcalde non pode ampararse en que as irregularidades son legados da era Vázquez, pois Losada participou activamente dos seus Gobernos, incluso ocupando a responsabilidade de urbanismo.

 

Finalmente, Santiso afirmou que “as continuas irregularidades cometidas polo concello son una mostra evidente da necesidade imperiosa dunha rexeneración política na cidade, na que outras forzas políticas, como a esquerda alternativa, poidan achegarse a María Pita para desenvolver outras políticas. Políticas centradas na cidadanía e non no capital, que teñan a suficiente altura de miras para ver máis aló das seguintes eleccións e poñan o acento nas verdadeiras necesidades da maioría social como resolver o grave deterioro social e medioambiental no que nos atopamos”.

Relacionados