Fajardo: “O PP converte aos/as traballadores/as en mercadorías”

Esta mañá o deputado de AGE e membro da dirección de Esquerda Unida, Juan Manuel Fajardo, criticou en rolda de prensa “a decisión do Goberno galego de abonar ata 4,9 millóns de euros ás empresas de traballo temporal para buscar empregos aos traballadores e traballadoras galegos, converténdose así en mercadorías”, explica.

“Este diñeiro suporá a empregabilidade dun 4,5% da poboación, polo que, con esta medida, o goberno de Feijóo non quere mellorar as cifras do desemprego, senón trasladar o diñeiro de todos e de todas co fin de favorecer ás empresas de traballo temporal, que ao emprego propiamente dito. Neste senso, para o PP somos mercadorías que se poden comprar e vender”, clarifica o deputado de AGE.

Juan Manuel Fajardo tamén recordou hoxe que “Feijóo segue a propor políticas para un mercado de traballo que, en realidade, é un mercado de escravos onde quen cobra é o escravista”. É por isto que tamén dende Esquerda Unida pensamos que estes cartos debían ser trasladados as persoas desempregas e a eses 86.000 fogares con todos os seus membros en desemprego ou, tal e como propón Fajardo, “poderían servir para crear postos de traballo no sector da dependencia ou emprego verde”.

En resumo, “con este tipo de políticas oscurantistas de emprego, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Traballo, Beatriz Mato poñen a disposición do mercado laboral as persoas para que as empresas podan explotalas e maltratalas laboralmente sen nengún control, liquidando os servizos públicos de emprego. Ademáis, en Galicia estase a traballar de media ata un 25% máis da xornada laboral sen cobrar, un feito que tamén segue a estratexia da Xunta de Galicia e forma parte do escenario de escravitude no que xa estamos a vivir no noso país”, conclúe o deputado.

Relacionados