O PP demoniza a solidariedade

AGE presentou no Parlamento unha Proposición non de Lei para instar ao Ministerio de Xustiza a retirar este artigo que demoniza a solidariedade e atenta contra a Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Santiago de Compostela, 6 marzo de 2013.- O grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presenta unha Proposición non de Lei no Parlamento para urxir ao Ministerio de Xustiza para que retire do anteproxecto de reforma do Código Penal o artigo 138 bis  no que establece pena de prisión para aquelas persoas que auxilien a inmigrantes en situación irregular. O deputado, Xabier Ron, presentou hoxe unha iniciativa en nome de Alternativa Galega de Esquerda na que se pide non demonizar a solidariedade e salvar a hospitalidade da criminalización non perseguindo penalmente estes comportamentos movidos por razóns humanitarias e altruístas tal e como pretende o Partido Popular co anteproxecto de reforma do código penal.

Coa redacción actual considerase puníbel con pena de prisión para quen auxilie intencionadamente, sen ou con ánimo de lucro, a unha persoa en situación irregular con pena de multa de tres a doce meses ou prisión de seis a dous anos. A entrada en vigor deste artigo suporía criminalizar a persoas ou entidades que apoien, axuden ou acollan de forma altruísta a estas persoas serán consideradas criminais: detidas, xulgadas e no seu caso, condenadas. Do mesmo modo, aquelas que lle aluguen un cuarto ou sirvan un menú do día a unha persoa inmigrante en situación irregular poderán igualmente ser condenadas xa que se consideraría un auxilio con ánimo de lucro. Así, estranxeiros en situación irregular quedarán na rúa sen que ninguén poda axudarlles de ningún xeito posible.

O grupo parlamentar de AGE denuncia o obxetivo do PP a través desta norma que non é outra que intimidar aos cidadáns a través da criminalización da solidariedade e da hospitalidade debida entre os seres humanos que teñen “o deber de comportarse fraternalmente uns con outros” tal e como recolle o artigo 1 Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

 

Relacionados