Palacio de festexos

O alcalde da nosa cidade continúa empeñado en facer de Parque Ferrol un pequeno palacio de festexos e celebracións, o día en que 7000 persoas saen as rúas de Ferrol a demandar unha nova política educativa, aparecen as fotos dun alcalde exultante brindando con champán nunha nova sucursal dunha cadea comercial internacional.

O que a cidadanía debe saber, afirma Javier Galán, é que o que alcalde está a celebrar é, por un lado o apoio a un sistema de cidade que implica o derrubo do centro, Ferrol Vello e a Magdalena, sen plans públicos  de rehabilitación e sen aplicar as propias ordenanzas das que se dota o goberno, que facilitarían a expropiación de vivendas abandonadas e o seu uso dotacional ou de servizos. Por outra banda, algo terá que dicir o comercio local, desprotexido e principal vítima do amiguismo do goberno, abocado ao peche masivo pola apertura destas grandes superficies, e que continuará colgando os carteis de “Alúgase” nos baixos comerciais da nosa cidade.

Jorge Suárez, coordinador da área de traballo, considera que os postos de traballo das multinacionais internacionais non son máis que unha explotación, con horas non remuneradas que sobrepasan en moito a xornada máxima legal, e que utiliza a política do medo, se o traballador non acata a explotación hai miles detrás dispostos a facelo. Por outra banda, afirma que cada subemprego creado en Parque Ferrol poderá supoñer a destrución de tres postos no comercio local, e esa é a celebración do alcalde de Ferrol.

Esquerda Unida demanda políticas de rehabilitación serias, con forte investimento público, que permitan a protección da cidade histórica e non a especulación, e que xeraría postos de traballo na cidade nun ramo que a burbulla inmobiliaria e a irresponsabilidade financeira dinamitou. Así mesmo, reivindicamos unha planificación do comercio sólida e orientada cara un modelo sostible, que permita servizos achegados a cidadanía, sen produción en masa e proteccionista cara aos comercios locais de Ferrol fronte a invasión das multinacionais estranxeiras.

Relacionados