Primeira valoración dos orzamentos do concello para o 2011

 

Nesta primeira aproximación aos orzamentos 2011, Esquerda Unida denuncia que o maior gasto público presente nos orzamentos do 2011 correspondese co pago de sentenzas xudiciais condenatorias por asuntos urbanísticos, o que ven a por de manifesto a ineficacia do Goberno municipal que debido a o desenvolvemento de operacións urbanísticas ilegais ten que facer fronte ao pagamento de 4.657.899,08 €. Con este único dato semella esperpéntico que o Goberno coruñés poida sacar peito destes orzamentos e pretenda facer crer a cidadanía que estamos diante dos mellores orzamentos da historia da cidade, este simple feito supón, de por si, un insulto a intelixencia dos coruñeses.

 

Por outra banda, o Consello Comarcal de EU Coruña acusa ao Goberno local de desvirtuar os orzamentos do 2011 mediante a incorporación do investimento privado das cotas de urbanización do parque ofimático. Así o concello presume do seu plan estrela, ao que lle atribúe un investimento de 35.671.663,15 € cando o investimento público do concello realmente non chega ao millón de euros, mentres que os promotores desta urbanización achegarán 34,9 millóns de euros. Para Esquerda Unida esta “inxeñería financeira” foi desenvolvida polo Goberno local coa intención de agachar que a maior partida orzamentaria dedícase a cubrir as eivas e ilegalidade na xestión urbanística.

 

Asemade, Esquerda Unida subliña que o seguinte gasto máis importante, cun millón de euros, está adicado ao Plan de modernización de rúas e prazas, unha polémica actuación que ten o rexeitamento da meirande parte da cidadanía, que está a prexudicar enormemente aos coruñeses, e está a reducir drasticamente as prazas de aparcamento na nosa cidade.

 

Así pois, nesta primeira aproximación, podemos afirmar que as principais actuacións dos orzamentos 2011, nin supoñen creación de emprego, nin teñen caracter social, nin están encamiñadas a favorecer un cambio no modelo produtivo, senón máis todo o contrario, pois están a afondar na “economía do ladrillo”.

Relacionados