roi cagiao.jpg - 5.92 Kb

Propostas educativas

 

 

Para Esquerda Unida a calidade do ensino coincide basicamente co que desde hai anos imos identificando como “Alternativa da escola pública”, que é patrimonio común da esquerda social e política, e cuxas acenos de identidade son o seu carácter laico, pluralista e democrático, o seu compromiso cun ensino científico e crítico, respectuosa coas diferenzas á vez que integradora das mesmas, inclusiva e compensadora das desigualdades.

 

EU defende tamén un incremento das competencias municipais no ámbito educativo como requisito necesario para mellorar e adecuar a cada realidade concreta a oferta pública dos diferentes tipos de ensinos.

 

Unha educación pública de calidade en condicións de igualdade pasa para Esquerda Unida polas seguintes propostas:

 

– Ampliación da rede pública de escolas infantís ata cubrir, en todo Vigo, a demanda do ciclo de 0 a 3 anos. A oferta municipal para atender aos nenos e nenas de 0 a 3 anos completarase con Casas de Nenos municipais.

 

– Plan municipal de medidas específicas para favorecer o éxito escolar de todo o alumnado na educación obrigatoria, que concrete actuacións de apoio aos alumnos e alumnas que presentan dificultades de aprendizaxe dende o intre no que se detectan, así como actuacións para atender as necesidades específicas do alumnado procedente doutras culturas, do alumnado con problemas de exclusión social e do alumnado con algún tipo de discapacidade.

 

– Desenvolvemento de programas municipais para a mellora da convivencia escolar, a proposta do Consello Escolar Municipal e en coordinación con outros servizos e áreas municipais (Servizos sociais, Mocidade, Saúde…)

 

– Posta en marcha dun programa-marco municipal de apertura dos centros á súa contorna fora do horario escolar. Promoverase tamén o uso dos centros universitarios pola sociedade que os financia. Para profundar a relación Universidade de Vigo-sociedade desenvolveranse un programa de bolsas orientado a que estudantes universitarios realicen funcións de apoio ao alumnado de Primaria e Secundaria que necesite reforzo educativo fora do horario escolar, e que pola súa situación socio-familiar non poida recibilo doutro xeito.

 

– Plan integral de formación profesional elaborado pola administración municipal e os representantes dos axentes sociais, a partir dunha análise das expectativas de emprego.

 

– O analfabetismo total e funcional na nosa cidade é moi alarmante. Datos da propia Xunta cifran nun 10% a taxa polo que é indispensable a creación de Centros de Educación de Persoas Adultas (E.P.A), de modo que haxa polo menos un por distrito escolar e permita cubrir as necesidades de diferentes colectivos.

 

– Facilitar recursos orientados a potenciar a educación en valores relacionados cos dereitos humanos, a paz, o respecto mutuo e a solidariedade, a igualdade entre mulleres e homes, a educación ambiental, a educación para a saúde, a educación afectivo-sexual, a educación en materia de comunicación, a educación para o consumo, etc.

 

– Organización de Xornadas Municipais de Educación, en colaboración coa comunidade educativa, de carácter anual.

 

– Fomento da innovación educativa mediante subvencións aos centros ou equipos docentes que desenvolvan plans de mellora da súa acción educativa.ci

Relacionados