Díaz: “Feijóo ve a súa derrota e quere salvar a súa carreira lanzándose a Madrid e colocando na parrilla de saída ao seu sucesor”

Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, valora os cambios da remodelación do desgoberno de Feijóo, que se deron a coñecer un domingo ás 14.30 horas, da seguinte maneira: “O PP de Galicia e Feijóo ven a súa derrota no outono de 2016 e, agora, Feijóo quere salvar a súa carreira lanzándose a Madrid e colocando na parrilla de saída ao seu sucesor”.

Segundo explica Díaz, “Feijóo ao fin entendeu a forza dos movementos sociais, das mareas, das mobilizacións cidadás e de plataformas como SOS Sanidade Pública, que recolleron as queixas de milleiros de persoas que pedían en Vigo unha sanidade pública, universal e gratuíta e o fin dos recortes e das privatizacións”.

“Grazas á presión da cidadanía organizada se forzou o tan pedido cese da Conselleira de Sanidade. Deste modo, queda claramente constatado que Feijóo teme á presión popular, ás Mareas e á Unidade Popular”.

Ademais, para Díaz, “as charlas sobre austeridade eran totalmente falsas, xa que Feijóo (o austero) agora amplía as consellerías de 8 a 10. Explicará a súa rectificación?”, remata a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Relacionados