A formación política de esquerdas e ecoloxista entende que nunha reivindicación central para o emprego e o porvir da cidade a alcaldía non pode restar allea e tense que involucrar en primeira persoa. “Iso supón camiñar cos traballadores e traballadoras e sumarse á mobilización de mañán diante da Delegación do Goberno”, sinala Suso Basterrechea.
Moitas persoas dependen do naval para o seu porvir, para pagar as facturas e sacar adiante a súa familia na nosa cidade e comarca, unhas 18.000, magnitude que da idea do moitísimo que nos xogamos. Non entenderían eses milleiros de persoas que a alcaldía se agochase no despacho e non acompañase a marcha, máxime cando nas súas declaracións públicas non deixa de amosar o seu apoio ás demandas da plantilla de Navantia.
A elocuencia dos datos de desemprego e pobreza relativa que castigan a nosa cidadanía esixen xa decisións claras sobre o futuro do dique flotante e as novas cargas de traballo para os estaleiros públicos. Suso Basterrechea, Coordinador local de EU, reclamou o cese dunha política esgotada e socialmente criminal, a neoliberal, que somentes produce paro, privatizacións e pobreza na sociedade. “ Outra política económica é posible e a defensa dun naval público con carga de traballo, novos investimentos produtivos e que recupere a capacidade de construción civil pública en Navantia Fene constitúe un exemplo concreto desa outra política que abandeira EU, e que outorga unha centralidade aos intereses das clases traballadoras do país” afirmou o Coordinador local de EU.