Desidia en seguridade

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia a desidia do goberno local en relación co plan de emerxencia exterior da refinería, pois non so recoñece que o descoñece, senón que renunciou a ir a presentación do plan feita pola xunta enviando a cadros intermedios. Logo do perigoso incendio acontecido en outubro de 2012 e as queixas da veciñanza por falta de información, EU rexistrou unha solicitude para ter acceso aos plans de emerxencia. A resposta do goberno local foi tremendamente preocupante, pois recoñeceu que non dispón dos ditos plans. O interno porque di que é responsabilidade de Repsol e ao ter a instalación interese estratéxico está en poder da Secretaría de Estado e Seguridade. O externo porque di que é competencia da Xunta. É dicir que en caso de acédente os servizos municipais non poderían actuar conforme aos ditos Plan por carecer deles.

De todos e coñecida a carencia do alcalde e o resto do goberno municipal por aparecer nas fotos e acudir a todo canto acto se desenvolve na procura dun puñado de votos, mais semella relevante a ausencia do alcalde e o responsable de seguridade e mobilidade da Coruña na presentación, fai uns días, do Plan de Emerxencia da Refinería pola Xunta e o anuncio do simulacro de accidente da refinería coa participación da veciñanza dos barrios máis afectados do vindeiro 5 de novembro. Mentres por parte da Xunta acudiron o Director Xeral de Interior e Emerxencias, o Subdirector Xeral de Protección Civil e a Delegada territorial e por parte de Arteixo o seu Alcalde e o Concelleiro de seguridade e emerxencias, o goberno municipal nin tan sequera enviou ao director de seguridade nin tan sequera aos xefes dos servizos implicados, senón que enviou a un intendente da policía local e a un sarxento de bombeiros.

Xa que logo, Esquerda Unida acusa ao goberno municipal de non preocuparse pola seguridade da veciñanza diante dun accidente na refinería. O complexo industrial de CLH Repsol Petróleo e Repsol Butano produce gasolina e gasóleo, butano e propano e nas súas instalacións hai líquidos combustibles, gases inflamables e produtos tóxicos. Así as explosións e os incendios son os accidentes máis probables, debido a que os líquidos a presión en contacto directo con chamas, provocan unha enorme vaporización. EU considera que diante dun accidente, necesítase máxima celeridade, transparencia e coordinación entre as distintas administracións, polo que o goberno local non pode desatendelo por considerar que non é rendible en termos de votos.

Diante desta situación, O voceiro de EU-V, César Santiso, esixe ao goberno local o compromiso de darlle prioridade con carácter de urxencia a coñecer e levar a cabo con eficacia, eficiencia e responsabilidade os plans de emerxencia da refinería.

Relacionados