Real Decreto Lei 27/2012

A executiva nacional de Esquerda Unida denuncia que o Real Decreto Lei 27/2012 aparece como conclusión despois da farsa teatralizada que escenificaron PP e PSOE que, semella, só se deron conta da existencia da inxusta Lei Hipotecaria despois dos dramáticos suicidios que provocou. Están tan distanciados da cidadanía que deixaron que centos de miles de persoas perderan a súa vivenda de forma totalmente pasiva. E non abonda con que o PSOE pida perdón cando non goberna.

Recordemos que o noso grupo Esquerda Plural rexistrou nestes últimos anos diversas iniciativas ao respecto e que foron ignoradas polas forzas do sistema. Esquerda Unida manifesta que a xustiza política demanda unha nova Lei Hipotecaria máis xusta e menos lesiva para as persoas que deciden acollerse a unha hipoteca para adquirir unha vivenda en propiedade.

O texto resultante é unha mostra máis da insensibilidade institucional do PP e unha manifestación clara de que non desexa perturbar o soño da gran banca que, como di o lema, sempre gaña. Resulta aldraxante que, despois de destinar aos oligarcas financeiros miles de millóns de euros, as persoas de a pé sexamos as condeadas a perder.

Por iso, lonxe de protexernos, este real decreto-lei atácanos. Déixanos na indefensión ante a banca que, coñecedora da nosa capacidade económica, pode decidir que, ao non estarmos nas marxes que manexa o real decreto-lei 27/2012, non é preciso chegar a un acordo para frear o lanzamento. E somos nós, as persoas, as que teñamos que pelexarnos para acreditar a nosa condición de “seleccionables”.

“O Real Decreto Lei 27/2012 de medidas urxentes para protexer aos debedores hipotecarios, é inxusto, déixanos na indefensión e só beneficia á banca” declara Yolanda Díaz coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de AGE. Vexamos algúns dos seus aspectos máis críticos e que terán consecuencias moi negativas:

a) O marco temporal decretado para a efectividade da suspensión temporal semella a todas luces insuficiente xa que nada, nada, garante que dentro de dous anos a situación das persoas afectadas mellore de forma substancial.

A afirmación “con la confianza de que, a la finalización de este período, habrán superado la

situación de dificultad en que se puedan encontrar en el momento actual” é un auténtico disparate, análogo ao dos “brotes verdes”. Desde Esquerda Unida, polo contrario, estamos convencidos que a mala situación económica, tendo en conta as desastrosas políticas do PP e da Troika, poden manterse, cando non empeorar.

b) Unámoslle ao anterior que o PP decidiu inhibirse e declara textualmente que o real decreto-lei non altera o procedemento de execución hipotecaria, polo que as persoas que estean nunha situación de “suspensión temporal” verán como os intereses de mora medran durante os dous anos como unha enorme lousa.

A consecuencia semella devastadora: o mantemento dunha mala situación económica, unida ao incremento dos intereses significarán, de forma inmediata, a perda da vivenda e a adquisición dunha débeda incrementada (polo propio goberno).

c) Os supostos e os límites económicos (19.200 euros) son restritivos, xa que deixan fóra a moitas persoas que están, por moito que non o recoñeza este real decreto-lei, pasando por moitísimas dificultades debido non só a que hai unha situación de crise capitalista, senón a que todas as políticas de austeridade (neoliberal) do goberno foron contrarias ás posibilidades de que as persoas cheguen a fin de mes con tranquilidade.

d) A única retroactividade que existe no real decreto-lei ten que ver co banco de vivendas na disposición adicional única. Pero o texto é claro no verbo empregado, promover, e, polo tanto, como a súa realidade efectiva vai depender, unha vez máis, da vontade da oligarquía financeira, estamos convencidos de que nada se vai facer ao respecto.

Relacionados