recortessociais.jpg - 4.24 Kb

Recortes no eido da cooperación

 

Esquerda Unida Ferrol demandou esta Xunta de Voceiros para coñecer a situación de emerxencia na que restan programas e equipos para atender o eido social, esixe que o Goberno Municipal convoque de urxencia o Consello Sectorial de Benestar e se comporte diante do recorte reivindicando o mantemento dos servizos que se viñan prestando en benestar con estes fondos así como que o proceder sexa de total transparencia á hora de acordar o destino das axudas públicas da Xunta.

 

Esquerda Unida quere lembrar que moitas entidades sociais e programas municipais teñen ao abeiro destes programas a capacidade de prestar servizos públicos que non prestarían de faltaren este financiamento; financiamento que agora sufre un curte tan radical que pon en cuestión case todo. Sen persoal que se poida contratar ao abeiro destes programas e coas axudas públicas en regresión logo de 3 anos de recortes da Xunta, que podemos facer para manter as políticas de benestar social que atenden estas axudas?

 

EU reclamou nestas Xunta de Voceiros que se convoquen de maneira urxente tanto a comisión informativa de benestar para estudar polo miúdo o impacto do recorte no noso termo municipal canto o Consello Sectorial de  Benestar para de xeito participado coas entidades sociais, que traballan neste eido desenvolvendo unha magnífica laboura social,  formular alternativas e reordenar prioridades e recursos. Este Grupo Municipal adianta que non comparte as prioridades marcadas pola FEGAMP e aposta por centrar os recursos – os poucos que  deixa o enésimo recorte do PP – na área de benestar social.

 

A Voceira do Grupo, Yolanda Díaz, pediu no transcurso da xuntanza que a situación, que semella de verdadeira emerxencia se afronte polo Goberno Municipal con transparencia e co compromiso de priorizar as axudas que cheguen  á área de benestar social.

 

EU vai reclamar  a ampliación da orde da Xunta para que esta incremente a partida para concellos e entidades. Hai que salientar que nos atopamos cun ámbito de intervención pública que xera moito emprego con relativamente poucos recursos: así o ano pasado se utilizaron uns 75 millóns para algo así como 6.000 empregos. Son momentos, cando a crise se prorroga no cuarto ano, para manter e se cabe ampliar as políticas de intervención pública no ámbito social. Nolo manifestan entidades e cidadanía que coñecen o drama social que está a producir o teimudo e interesado mantemento e profundización das políticas neoliberais dos Gobernos Rajoy e Feijóo.

Relacionados