portoexteriorferrol.jpg - 32.63 Kb

Accesos ferroviarios porto exterior

 

A nosa organización reclama do Ministerio que teña a sensibilidade política e o coidado ambiental suficientes para desbotar a alternativa que baralla como opción que é a do corredor sur, a máis agresiva  no eido medio ambiental.

 

Conxugar a salvagarda dunha afectada ensenada da Malata e a necesidade de contar con accesos ferroviarios ao Porto Exterior supón, para Esquerda Unida, o decantarse polo corredor norte, por ser a alternativa que menor impacto ambiental produciría, ao garantir a preservación da Malata, que é tanto como afirmar as posibilidades futuras de riqueza e emprego asociadas no eido do sector extractivo, asemade das utilidades naútico-deportivas que teñen ese espazo como área de referencia.

 

Esquerda Unida subliña a falla de compromiso do Ministerio coa nosa cidade e necesidades,  como o evidencian os continuados atrasos acumulados nesta cuestión. Nen se resolven as alegacións, nen se contempla unha partida económica neste orzamento que faga viable comezar a superar a incomunicación por ferrocarril do Porto Exterior.

 

Adiar logo das eleccións a elección do trazado semella querer furtar á cidadanía un elemento de xuízo de primeira magnitude para avaliar cal é o grao de compromiso coas demandas do asociacionismo da cidade e co respecto ao medio ambiente. Este Grupo se pregunta polas razóns que levan ao Ministerio a atrasar a resolución  Para logo das eleccións municipais. Que mala nova non quere o Ministerio que saibamos, se pregunta Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal, que reclama a resolución previa a cita electoral das alegacións.

 

A dilixencia e celeridade forman parte do bo facer das administracións públicas, circunstancia que non se cumpre  neste caso en particular cando as alegacións están presentadas en maio de 2010, nen en xeral no conxunto das accións vencelladas co Porto Exterior. Hora é de cambiar esta dinámica negativa.

Relacionados