Rexeitamento das propostas para Leixa-Mandiá

 

Os atrancos que non deixa de padecer o proxectado polígono de Leixa non deixan de dar a razón as consideracións enunciadas por Esquerda Unida encol da innecesariedade, o dano ambiental e os riscos para a saúde pública que de maneira superflua se lle inflixiría a un ámbito  tan sobranceiro da noso termo municipal. En particular, neste intre de fonda crise económica, o carácter superfluo do proxecto evidenciase aínda máis se cabe.

 

A realidade dos feitos é que a Xunta de Galicia vén de encargar un estudo para racionalizar a dotación de polígonos industriais no noso país, estudo non rematado. Aínda máis, nos polígonos da nosa zona de influencia restan baleiros moitos espazos e non se rexistran compras nen instalación de proxectos que autoricen a teimar na construción doutro polígono, o cal é tanto como dicir a destrución doutro espazo senlleiro no noso termo municipal. Un 25 % da superficie dos actuais polígonos industriais está baleira.

 

A nosa organización pregúntalle ao Goberno Municipal canto de imprevisión e de lixeireza vai no xogo que oscila en teimar un día en Leixa e outro en Mandiá para faceren o devandito polígono. Par nós a síntese é como facérmonos dano de xeito innecesario nuns espazos merecentes da meirande protección.

 

As alegacións presentadas por EU supoñen unha garantía para protexer o espazo de Leixa. Alegacións que formuladas en outubro de 2010 ao Instituto Galego da Vivenda e Solo restan sen contestar. Alegacións que se insiren no rego das presentadas por outras entidades de carácter ecoloxista. Alegacións que defenden a desestimación cautelar do proxecto sectorial do parque empresarial en tanto dana de xeito irreversible un espazo natural dotado de zona boscosa, fragas, os leitos dos ríos e a conseguinte repercusión na súa  fauna e o patrimonio arqueolóxico afectado.

 

Os recursos públicos teñen neste tempo de crise en particular que se afectar a atender as verdadeiras necesidades e non a xogos dañinos para o noso medio natural.

Relacionados