ferrol.gif - 5.79 Kb

Iniciativa parlamentar

 

A nosa iniciativa tenta clarexar cal é a realidade do estadio actual do devandito estudo. Seguen sen ser contestadas as numerosas alegacións presentadas, entre outras as da nosa organización, e  incluso as elaboradas – baixo a mobilización veciñal – polo propio concello. Preguntamos cando as vai contestar e en que sentido. Todo elo cando van 10 meses da presentación do estudo informativo para levar o tren a Caneliñas e a pouco máis de dous meses das vindeiras eleccións municipais xorden os anuncios que afirman que o Ministerio de Fomento remitiu ao de medio Ambiente para a redacción da DIA ( Declaración de Impacto Ambiental ).

 

Iniciativa a de Esquerda Unida  que busca implicar ao Goberno e ao Ministerio de Medio Ambiente para que fagan recuncar a Fomento, o cal tenta resolver pola vía máis nociva ambiental e socialmente, asemade da máis económica a cuestión do trazado ferroviario ao porto exterior. A nocividade da alternativa proposta por Fomento se traduce na morte da Malata coas consecuencias marisqueiras e de emprego asociadas. Dano que con todo non se cingue a este eido produtivo, porque o viaducto da alternativa ministerial suporía rematar tamén coas actividades náuticas e de lecer asociadas ao actual estado da ría.

 

Esquerda Unida denuncia o xogo electoralista das promesas e das precipitacións na procura de votos pouco informados ou arelantes de oportunidades de emprego. A realidade é que a proposta ministerial de Fomento destrúe emprego e riqueza para a cidadanía de Ferrolterra.

 

Esquerda Unida rexistrou, en maio do ano pasado, ao Ministerio un amplo escrito de alegacións diante do estudo informativo de Fomento onde rexeitabamos de plano a posibilidade de optar pola variante sur, que en troques de aforrar condena a morte á ensenada da Malata. Non só foi EU, outras moitas entidades asociativas da cidade elaboraron as súas propias, coincidentes no fundamental, rexeitando a variante pola que teima apostar o Ministerio.

 

A nosa organización lembra a esixencia de contestación das numerosas e complexas alegacións presentadas. Nós neste outono xa demandamos por medio doutra nota a esixencia de contestación. O silencio espeso do Ministerio foi toda a resposta obtida. Preguntámonos se os sinais que emite agora o Goberno do Estado teñen que ver con algo real ou somentes co fume das urxencias electorais, xogando coa necesidade de creación de emprego e dinamización económica da nosa cidade. Non é digno nen responsable xogar co noso porvir e co da ría de Ferrol.

 

A nosa organización formula unha clara advertencia: se o Ministerio teima en destrozar a nosa ría vaise topar coa resposta social organizada da cidade. Animando e participando desa resposta estarán as mulleres e homes de Esquerda Unida.

Relacionados