Solicitude de expedientes

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2013.- A situación actual de Alimentos Lácteos, SL, en Outeiro de Rei (Lugo), sintetiza á perfección a política agraria do Partido Popular: un completo e lamentábel fracaso. Para o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Antón Sánchez, é preciso aclarar xa que foi dos máis de oito millóns de euros que a Xunta do señor Núñez investiu no proxecto nos últimos anos. En concreto, a través do artigo 9 do regulamento do Parlamento, Sánchez vén de solicitar á Consellaría de Economía e Facenda “os expedientes completos da concesión de préstamos á empresa Alimentos Lácteos, SL por parte de Xesgalicia, e, se o houbese, calquera outro concedido por outro ente público dependente do seu departamento”.

Segundo o parlamentario de Alternativa, a concesión de diñeiro público a compañías privadas debe estar supeditada a unha serie de requisitos que garantan a “óptima utilización dos cartos de todas as galegas e galegos”. E o primeiro deses requisitos, ao seu xuízo, debe ser “a presentación dun proxecto economicamente viábel”. Algo que, a estas alturas, quedou demostrado que non existía.

 

AGE volve esixir da Consellaría de Medio Rural unha solución urxente para o futuro das decenas de traballadores da factoría de Outeiro de Rei e para o milleiro de gandeiros aos que se lles adebedan grandes sumas de cartos. “É fundamental, ademais, determinar e depurar responsabilidades políticas na desfeita, un asunto fundamental para o futuro do sector lácteo galego”, engade Antón Sánchez. “A Xunta, ate agora, só bota balóns fóra, pero resulta máis ca evidente que houbo decisións políticas á marxe da lóxica económica e debe ser o Goberno do señor Núñez que resolva a situación que el mesmo provocou coa súa irresponsabilidade”, conclúe.

Relacionados