Valoración manifestación Queremos Galego

 

Esquerda Unida valora como un grande éxito a manifestación e considera que o 17 de maio de 2010, día das letras galegas, pasará aos anais da historia como a data na que o pobo galego saíu masivamente a rúa para defender a súa lingua e a súa cultura do ataque sen precedentes que o Goberno do PP está a executar mediante o decreto contra o galego, xa que logo, supón un recorte dos dereitos lingüísticos dos galegos e galegas como así o indican diversos informes xurídicos como o díctame do Consello Consultivo que indica que o decreto que pretende aplicar o Executivo galego é ilegal e inconstitucional.

 

EU entende que tanto o presidente da Xunta como o PP están solos e illados na súa política lingüística, polo que deben dar marcha atrás e retirar o decreto contra o galego. Non só polo unánime clamor popular amosado polo pobo galego, senón tamén porque o decreto atópase fora do ordenamento xurídico, constitúe un ataque político sen precedentes contra a lingua e a cultura galega e racha co consenso acadado durante toda a historia do autogoberno galego, levado acabo a través da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e mailo Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en setembro de 2004, sendo Vicepresidente da Xunta o propio Feijóo.

 

As bases do decreto producirán consecuencias negativas para a nosa lingua, o alumnado e a propia sociedade. A lingua galega, minorizada pola imposición secular dun poder político alleo as necesidades e arelas do pobo galego, require, para facer efectiva a súa normalización, ser a lingua vehicular na escola; a actual lexislación (decreto 124/2007) aínda sendo insuficiente para conquerila como non deixan de pór en claro os diversos estudos e informes sociolingüísticos realizados, supuña un paso adiante pois é un feito cientificamente demostrable que as linguas febles como a galega necesitan da discriminación positiva para garantir a competencia do alumnado, como así o recolle o Informe do Consello da Cultura Galega, que advirte de que “en ningún caso se deben tomar medidas que supoñan pasos atrás no proceso de recuperación do galego” e que a nosa lingua “precisa dun apoio especial para superar a súa posición actual de desvantaxe”. Con todo o “decretazo lingüístico do PP” apunta cara a progresiva desaparición do galego como lingua viva e de cultura, na procura do pensamento único tan característico dos gobernos neoliberais.

 

A nosa organización reclama abrir un amplo diálogo social para conquerir unha plena e eficaz aplicación da lei e do plan de normalización lingüística no que ninguén se sinta excluído, polo que en aras da concordia e o entendemento solicita ao PP a retirada do decreto, falazmente alcumado do plurilingüismo.

Relacionados