cartel_compostela2.jpg - 11.11 Kb

Xuntanzas coa Asociación Cultural Cidade Vella e coa Plataforma Sociosanitaria

 

Un feito relevante permite relacionar as dúas xuntanzas: ambos colectivos veciñais manifestaron as súas queixas pola carencia de canles de participación e reclamaron, neste sentido, a valentía política para acadar ese dereito. A ese respecto, Xabier Ron enfatizou que o programa político e social xira ao redor do principio rector da democracia participativa e significou a importancia de reformar a vida organizativa do Concello en base a ese feito e a necesidade de introducir os orzamentos participativos.

A Asociación Cultural Cidade Vella espuxo as súas demandas para evitar a progresiva quebra da dinámica cultural da zona vella de Compostela. En concreto, lamentaron o inmobilismo do equipo de goberno e a súa política impositiva. Esquerda Unida Compostela amosou o seu compromiso coa cultura de base e apoiou a necesidade de revitalizar a vida cultural da zona vella sometida hoxe a un proceso de uniformización comercial que lle está roubando a diversidade e o seu dinamismo. Varios foron os temas que centraron a discusión: a necesidade de revisar o mapa de zonas saturadas, hoxe sometido á arbitrariedade, mediante o diálogo e a participación; a necesidade de regular de forma flexible e innovadora todo o que se refire ás terrazas exteriores e interiores; a necesidade de implementar nas políticas de rehabilitación axudas para materiais de illamento acústico; a necesidade de avanzarmos na política convivencial na cidade vella. En definitiva, definir unha política que procure novas metas e posibilidades de desenvolvemento que garantan a vitalidade social, económica e cultural. 

Pola súa banda, o encontro coa Plataforma Sociosanitaria de Compostela serviu para comprobar a coincidencia en que, hoxe, coa xustificación da crise, o sector social é o que máis padece os recortes de todo tipo, en recursos, en convenios cos colectivos sociosanitarios, en espazos para o desenvolvemento do traballo, en definitiva, a administración pública dálle as costas ao sector mentres que se acumulan as demandas de apoio e protección nunha cidade que coñece 4.000 persoas que (mal)viven moi empobrecidas, outro 20% que (sobre)vive en situación de risco de exclusión social, unhas 8.000 persoas maiores que viven soas (moitas delas mulleres), e con máis de 8.500 persoas en situación de desemprego. Xabier Ron presentoulle ao colectivo as medidas en materia de emprego, vivenda e sanidade destinadas a dar resposta a esta situación de vulnerabilidade, asi como describiu as medidas destinadas a converter os servizos sociais nun piar esencial da igualdade de oportunidades das persoas en tanto que dereito universal.

 

 

Relacionados