Desgoberno orzamentario

 

O resultado desta situación pódese apreciar na realidade dunha continuada improvisación mediante o recurso ao expediente das modificacións de creto, as cales non deixan de pór en evidencia a distancia que vai entre unha planificación compartida dos proxectos, que repercute en transformacións de envergadura para a cidade e a mera improvisación  sen orde algún deste Goberno. A nosa organización quere lembrar o elevado número de expedientes de modificación de creto acumulados neste case 9 meses sen orzamento: un total de 47,  o cal supón un recoñecemento flagrante do mal facer da equipa de goberno. Pola súa propia natureza os proxectos de meirande envergadura quedan fóra de realización cando non se dispón máis que dun orzamento prorrogado.

 

Corresponde ao Goberno ser quen de producir os acordos necesarios para contar cun orzamento e unha planificación das actuacións na cidade, o que de xeito lamentable non acaece na nosa cidade. Semella moi mala praxe o ir tirando sen apenas resolver ren e aguantando o chaparrón cos cartos do Fondo Estatal para o investimento local.

 

A resultante de non contar este ano cun orzamento  xa supuxo a perda de oportunidades  certas para conquerir investimentos, programas e iniciativas para a nosa cidadanía: demasiados son os exemplos que pode pór o noso Grupo Municipal, dende a Costa de Mella  ao Forno Bellón, pasando pola inexistente e fundamental empresa municipal de vivenda ( peza mestra entre outras cuestións sobranceiras para poder rehabilitar Recimil ); ou no que fai ao convenio con Defensa, que o Goberno teima en afirmar que xa está en vigor, e que non conta cun euro para, pór exemplo, desenvolver as actuacións no Sánchez Aguilera.

 

Esquerda Unida acredita no valor da elaboración participada dos orzamentos para conquerir unha mellora certa da vida da nosa veciñanza e, xa que logo, reclama un cambio substancial por parte do Goberno e a asunción por este do compromiso para elaborar un novo orzamento para 2011, quen de incorporar o conxunto de ambiciosos programas acordados con Esquerda Unida para a nosa cidade.

Relacionados